O BNG propón reclamar ao Estado os fondos do carbón non percibidos por Cerceda e As Pontes

  • Noa Presas critica a pasividade da Xunta fronte ás iniciativas de Asturias para recuperar eses recursos

O BNG pide á Xunta que cuantifique e reclame as axudas que non recibiron os concellos das comarcas das Pontes e de Cerceda previstos no Plan do Carbón 2006-2012 que, no caso de Galiza, ascendían a 93,11 millóns de euros.

“A pesar da diferente información que barallan, as tres administracións coinciden en que o Plan do Carbón 2006-2012 non asinou convenio algún cos fondos asignados polo Estado -e acordados coa Xunta- para a execución das infraestruturas acordadas polo Goberno galego Xunta, cun importe de  53,385 millóns de euros, segundo os datos da propia administración autonómica”, explicou a portavoz de Industria, Noa Presas.

A deputada nacionalista, criticou “a alarmante pasividade, irresponsabilidade e deixación de funcións amosadas pola Xunta para que as comarcas das Pontes e Cerceda se beneficiasen dos fondos dese plan, que contrasta coas actuacións postas en marcha por outros gobernos autónomos, -como Asturias-,  na defensa dos intereses dos seus habitantes e dos seus propios”.

É por iso que o Bloque demanda do Goberno galego establecer as contías que lle correspondería ter percibido As Pontes e a Cerceda relativas a infraestruturas no Plan do Carbón 2006-2012, “e reclamar do Estado, por todas as vías posíbeis, as cantidades que, na vixencia do Plan, non fosen empregadas nestas comarcas en actuacións relacionadas coa súa actividade derivada da explotación do carbón”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG