O BNG propón a ordenación e aproveitamento do monte como o mellor antídoto contra os lumes

Xosé Luśi Rivas "Mini"
Xosé Luśi Rivas "Mini"

Rivas acusa ao Goberno de neglixencia e fraude de lei por un abandono do territorio que “deixa a seguridade de vidas e facendas en modo ruleta rusa”

O PLADIGA é un “corta e pega” coas mesmas eivas de precariedade laboral e privatización do dispositivo: “Os brigadistas están vendidos”

O BNG propón a ordenación e aproveitamento do monte como o mellor antídoto contra os lumes

O portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, acusou á consellería de Medio Rural e ao conxunto do Goberno de Feijóo de “neglixencia, incompetencia, deixación de funcións e  fraude de lei” por ter o monte abandonando, “o que converte a seguridade das persoas e das facendas deste país nun xeito de ruleta rusa”.

No debate parlamentario do PLADIGA, Rivas criticou o cinismo da Xunta “ao botar balóns fora” nada menos que no cumprimento das franxas de protección con vivendas e infraestruturas, e reclamou do Executivo unha reconsideración da política forestal empezando por tomar nota da moratoria na plantación de eucaliptos decidida por Portugal tras a traxedia.

A proposta do BNG para loitar eficazmente contra os lumes pasa pola ordenación do territorio, pola ordenación e aproveitamento multifuncional do monte, “ esa é a solución e o mellor antídoto contra os incendios”,  que teñen “á opinión pública atemorizada ao constatar que non se cumpre a lei e que o noso monte é un caos”, igual que no país veciño.

En canto ao PLADIGA, -que para o Bloque debe estar aprobado con data límite en abril-, o deputado criticou que se trata dun “corta e pega” de edicións anteriores, “pero persisten as mesmas eivas de fragmentación, privatización, precariedade laboral, realidade que explica calquera brigadista porque están vendidos”,  salientou.

“É preciso definir para que vale cada espazo de territorio e así tirar o máximo rendemento, acometer o problema da atomización da propiedade e pasar a unidades de xestión colectiva, respectando a propiedade privada pero facendo que esta dea un mellor rendemento que explotada de xeito individual”, explicou Rivas, quen tamén puxo en valor os beneficios sociais do monte en man común.

Finalmente, o deputado do Bloque salientou a necesidade de unificar o servizo garantindo o seu carácter público, profesionalización e a aposta por políticas preventivas.