O BNG propón no Parlamento que as empresas establezan un rexistro diario do cómputo da xornada laboral

Montse Prado
Montse Prado

Esta iniciativa da CIG, que defendeu Montse Prado no Parlamento, ter por obxectivo poñer freo ás maratonianas xornadas laborais, que precariza a miles de traballadoras e traballadores

O BNG trasladou ao Parlamento a reclamación do sindicato CIG para que as empresas establezan un rexistro diario do cómputo da xornada laboral, coa finalidade de evitar unha estafa que prexudica cada día a milleiros de traballadoras e traballadores, pero que tamén supón unha estafa á caixa da Seguridade Social da que se sufragan as prestacións sociais, frea a creación de postos de traballo e incrementa a sinistralidade laboral.

A portavoz de Política de Emprego, Montse Prado, defendeu a toma en consideración desta proposición de lei para poñer coto a unha realidade do mercado laboral no que moitos traballadores e traballadoras “saben cando empezan pero non cando acaban, as súa leoninas xornadas laborais”, facendo milleiros de horas extra polas que non reciben ningunha compensación, denunciou, “mesmo contratos a tempo parcial de catro horas que na práctica encobren xornadas completas de oito horas ou máis”.

Ademais da grave penalización económica en termos de salario para a persoa afectada, esta estafa tamén repercute na caixa da Seguridade Social, “posto que son horas que non cotizan”, e o exceso de xornada ten unha repercusión directa no incremento da sinistralidade laboral, tanto nos centros de traballo como nos desprazamentos e, finalmente, as horas extras realizadas ilegalmente frean a creación de emprego.

Por iso, o Bloque defende a reclamación formulada pola CIG para que se leven a cabo as modificacións necesarias no Estatuto dos e das Traballadoras nos artigos 34 e 35 e do artigo 7, neste caso para facer obrigatorio que as empresas garantan este rexistro diario que debe conservarse durante tres anos e ser facilitado ao traballador ou traballadora ou aos seus representantes se así o solicitan.

Prado salientou que hai sectores, como a “rescatada” banca, no que as horas extras non pagadas xa superan as horas abonadas. “ A banca é a primeira defraudadora da Seguridade Social”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG