O BNG propón un IVE superreducido do 4% para a electricidade e abaratar a factura da luz un 14%

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas: “Non é normal que un ben de primeira necesidade teña o dobre de IVE que a compra de obras de arte”

O BNG propón un IVE superreducido do 4% para a electricidade e abaratar a factura da luz un 14%

O BNG considera inadmisible o prezo que os galegos e as galegas teñen que pagar pola electricidade nun país que é produtor excedentario de enerxía e que, ademais, ten os segundos salarios medios máis baixos do Estado. Por iso, levará ao pleno novas iniciativas para abaratar a factura de luz, empezando por solicitar a redución do IVE do 21% para aplicar o superreducido do 4% propio dos bens de primeira necesidade como é o caso da electricidade.

“Soportamos un dos IVEs máis altos de toda Europa, só por debaixo dos países nórdicos e de Portugal, pero moi por riba dos que se aplican en Francia ou Alemaña con salarios moito máis altos”, explicou a portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas, quen denunciou a fiscalidade “absurda e inxustificada”, -en particular tras a reforma fiscal de Rajoy en 2012-, “pensada con afán recadatorio que lle permite a Montoro obter 600 millóns de euros anuais a través dos impostos que se aplican a un servizo básico”.

O Bloque espera contar co apoio das outras forzas políticas da oposición, e insta ao PP “a deixar de comportarse como unha parede”, inmobilismo que lle levou a vetar a ILP na que se pedía unha tarifa eléctrica galega que suporía un aforro para familias e empresas. “Non é normal que un ben de primeira necesidade teña o dobre e IVE que a compra de obras de arte”, alegou Presas, quen cifrou nun 14% de media o aforro na factura de luz cun imposto sobre o valor engadido reducido ao 4%.

A deputada salientou que esta baixada impositiva sería “un punto de partida fundamental na loita contra a pobreza enerxética”, tendo en conta que o denominado bono social foi obxecto de recurso por parte das multinacionais eléctricas o que lle obriga ás Administracións públicas a compensalas con 200 millóns de euros. “É unha fórmula que non chega a todas as persoas que o necesitan, nin supón unha solución a medio e longo prazo, máxime tras o recurso das eléctricas”.

O BNG volverá a ter como prioridade a loita contra a pobreza enerxética así como unha redución xeral da factura da luz, porque a carestía da electricidade afecta non só aos máis desfavorecidos senón a maioría da clase media e da clase traballadora, e lastra a competitividade das empresas. “A ver se o PP move ficha e deixa de pensar en clave de recadación do Estado para pensar nos e nas galegas”, indicou Presas.

A deputada lembrou os datos da última Enquisa conxuntural aos fogares galegos que indican  que o  45%  das familias chegan con dificultade a fin de mes e o 7% con moita dificultade, e pese a proclamada recuperación económica, máis da metade dos fogares teñen dificultades para chegar a final de mes. Este é o contexto no que hai que afrontar un do costes da luz máis altos de Europa.