O BNG propón excluír o xeito da política de cotas e pide a xestión directa da pesca en augas interiores

Encontro co sector pesqueiro

“O noso mar ten que gobernarse desde Galiza”, traslada Pontón ao sector pesqueiro co que mantivo un encontro na confraría de Rianxo

A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro co sector pesqueiro na confraría de Rianxo para abordar a situación da frota do xeito, para a que o BNG propón que quede libre das restricións da política de cotas. 

“Despois do intento da UE de ilegalizar esta arte artesanal, perigo que se logrou frear grazas a mobilización e co apoio directo do Bloque en Bruxelas, a nova ameza para o xeito é que quede excluído do reparto de cota da sardiña, pese a que se trata dunha frota artesanal que apenas incide no recurso e, ademais,  desenvolve a súa actividade en augas interiores”, salientou Pontón durante a reunión na que tamén participou o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, e a portavoz parlamentaria de pesca, Montse Prado.

Por contra, o Bloque defende a xestión directa da pesca en augas interiores, exercendo as competencias coas que xa conta Galiza, e deixar fora da limitación das cotas de captura da sardiña á frota do xeito, un total de 400 embarcacións no país.

 “O noso mar ten que gobernarse desde aquí”, subliñou Pontón, quen tamén avanzou que a formación nacionalista reclama máis cota de pesca para a frota do cerco tanto en sardiña, como en xurelo e xarda, “porque o reparto de cota da UE e do Goberno español, coa complicidade da Xunta, é absolutamente discriminatorio co noso sector pesqueiro”, explicou.

“O problema en Rianxo ou na ría de Arousa non radica na falta de recursos pesqueiros, na falta de formación dos mariñeiros ou en deficiencias tecnolóxicas de aparellos ou embarcacións. Por contra débese a unha política de pesca común que maxina, discrimina e penaliza á nosa frota fronte á doutros países”, indicou Pontón. A situación sería diferente se Galiza tivese “soberanía” para aplicar a súa propia política pesqueira.

No encontro co sector na confraría de Rianxo, tamén se abordaron outras cuestións que están afectando a frota artesanal e marisqueira. En concreto, a situación de escaseza  de recursos nos lombos do Ulla, debido a baixa produtividade no berberecho e ameixa babosa. “Desde o Bloque defendemos un plan de recuperación dos lombos”, explicou a dirixente nacionalista, quen tamén advertiu da ameaza da prevista reanudación da mina de Touro, cuxos efectos contaminantes poderían chegar as rías.

A formación nacionalista tamén criticou as axudas “tardías e non adaptadas ás necesidades da frota” que chegan para o sector, en particular porque están enfocadas sobre todo a abandonar a actividade pesqueira. “O que sexa abandonar o sector, subvenciónase, apoialo e defendelo, non”, criticou.

A líder do Bloque fixo fincapé na necesidade de que as decisión que afectan á xestión do noso mar, litoral ou rías, se adopten desde Galiza, para evitar que desde a UE e por intereses comerciais alleos, se impida a frota galega pescar xarda, xurelo,  pescada,  bertorella ou lirio nas nosas propias augas e rías: “Non pescar nós para que pesquen outros e introducir no noso mercado o peixe que eles capturan, mentres a nosa frota fica amarrada ou vai ao despece”, denunciou.

Comercialización pesqueira

Outros aspectos nos que Galiza queda excluída na toma de decisións é na política de importación de produtos pesqueiros. “O sistema actual permite, grazas á UE, e co consentimento do Goberno español e da Xunta, a introdución no apetecible mercado galego, -somos os primeiros consumidores da UE-, de produtos pesqueiros e marisqueiros sen control, e sen capacidade de distinción da súa procedencia”, argumentou. 

“A fraude no consumo está servida. As importacións multiplícanse, mentres a nosa produción baixa, o emprego no mar diminúe, e os prezos en primeira venda se funden como consecuencia da competencia desleal”, sintetizou, cuestión que se podería mudar se Galiza ten o control dos seus recursos mariños  como defende o Bloque.

“A inmensa riqueza produtiva do noso mar e das nosas rías debe ser aproveitada para xerar desenvolvemento económico e crear postos de traballo dignos aquí”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG