O BNG propón diálogo democrático para avanzar como país fronte ao discurso “enlamado” do PP

Rodil: “Non imos entrar na estratexia do PP de amedrentar, tensionar e incendiar un debate que debe ser sosegado e democrático”

Veto do PP a todas as iniciativas para recuperar dereitos sociais e laborais, subir as pensións, máis recursos para dependencia, servizos públicos e loita contra  a violencia machista

O BNG considera que o actual momento de excepción só pode enfrontarse desde o diálogo democrático, a través dun debate sosegado e maduro, nas antípodas do discurso “incendiario” do PP empeñado en construír “unha realidade que atemorice”.

“Non imos entrar na estratexia do PP de amedrentar, tensionar e incendiar un debate que deber ser sosegado, maduro e democrático”, declarou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil,  “nun momento onde se van producir mudanzas e abrir escenarios políticos, é importante reflexionar politicamente como país como imos encarar este reto, e non imos poñernos na posición enlamada na que quere instalarnos o PP”.

Rodil criticou o empeño do PP en  “alimentar o discurso da violencia”, que contrapuxo coa proposta do BNG de iniciar un debate político e social para superar o corsé da constitución e do estatuto, e “avanzar colectivamente en dereitos, liberdades e democracia, nunha Galiza na que ninguén quede atrás”.

Unha proposta de autogoberno e en defensa do dereito a decidir,  que supere o marco institucional do réxime do 78, incluída unha “monarquía caduca”: “Quen queira ter un cargo de representación pública que se presente ás eleccións”, salientou en referencia a Felipe VI, tras ratificar que o BNG “fronte aos porrazos e a represión policial, defende a negociación política” e o dereito a decidir de todos os pobos.

O PP non só vetou a proposta do BNG para abordar un novo marco institucional, tirou por terra todas as iniciativas para recuperar os dereitos sociais e laborais perdidos nos 9 anos de Goberno de Feijóo, dixo non a subir as pensións mínimas, incrementar en 150M€ os recursos en dependencia e a blindar o 1% do orzamento (90M€) para combater a violencia machista.

“Unha violencia que non convoca gabinetes de crise,  nin reunións gobernamentais de urxencia, nin despregues policiais de emerxencia”, denunciou Rodil, ante o asasinato de mulleres.

Veto tamén a poñer en marcha un plan de choque contra o desemprego e a precariedade enfocado á mocidade, mulleres e parados de longa duración, - colectivos máis vulnerables-, e tamén medidas a favor dos autónomos, modificando o seu réxime para que coticen en función dos ingresos.

Outra Galiza é posible

Retirar a reforma da Lei de Saúde, mellorar a atención na sanidade primaria e garantir o 7% do orzamento autonómico en 2018 para educación pública, propostas que tamén naufragaron no veto do PP, ao igual que a petición dunha comisión para estudar o rescate da AP9, unha comisión de investigación do accidente de Angrois, así como a recuperación do Pazo de Meirás e outros bens espoliados polo franquismo. Veto tamén a reclamar un novo modelo de financiamento e medidas para preservar os dereitos lingüísticos.

“Estamos a vivir un dos momentos máis convulsos dos últimos 40 anos”, salientou Rodil, tras lembrar que a súa xeración “non puido decidir” sobre o actual marco institucional, “cando imos poder facelo sen incomodar?”, interpelaba. “Non é tempo de permanecer inmóbiles porque é posible unha Galiza diferente á que nos debuxa o PP”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG