O BNG propón destinar o 7% do PIB de 2018 ao ensino público

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Tamén reclamará o préstamo universal dos libros, servizos complementares no ensino e a xestión pública dos comedores públicos

 

No inicio do curso escolar, a deputada e viceportavoz do grupo parlamentario do BNG, Olalla Rodil anunciou que o BNG proporá destinar o 7% do PIB do ano 2018 ao ensino público e seguirá reclamando o préstamo universal de libros que o Partido popular eliminou no ano 2009.

Ademais, anunciou que o BNG seguirá esixindo do goberno galego a xestión pública dos comedores escolares fundamentais para a conciliación da vida familiar e laboral e restituír o transporte escolar.

No inicio do novo curso, a nacionalista afirmou que os gasto para as  familias oscila  entre   400 e 800 euros para  mercar libros de texto, material escolar e deportivo, actividades extraescolares  e  servizo de comedor. Desde o 2013, explicou,  o Partido Popular obriga ás familias a pagar entre 90 e 170 euros ao mes en comedor,  “servizo indispensábel en moitos casos para a conciliación da vida laboral e familiar”.

A deputada recalcou que estas medidas foron decisións políticas do Partido Popular  que nun momento de crise e de enormes dificultades económicas para as familias traballadoras incrementaron o custe do ensino público, poñendo  prezo ao servizo de comedor e suprimindo o sistema de préstamo universal de libros.

Rodil cualificou de  “despropósito” a xestión do Partido popular que mesmo tivo  que emendar a súa política   no  2015 creando o Fondo Solidario, “un sistema insuficiente  para cubrir as necesidades das familias”.

Galiza precisa reforzar o seu ensino público e cesar na política de desmantelamento progresivo da escola pública que iniciou o Partido Popular en 2009 e a as cifras constatan os continuos recortes neste ámbito. “Nos últimos seis anos pecharon 64 escolas, fundamentalmente no rural, e foron suprimidas 450 unidades. Os casos máis recentes o Emilio Navasqüés en Outes e o Monte Caxado nas Pontes xunto coa supresión da oferta educativa de ESO no CPI de Ribadavia e no CPI de Ribeira no Porriño”.

Asemade, o ensino  privado-concertado aumentou no mesmo período, 243 unidades,   e contará ata o ano  2023  con  1.550 millóns de euros públicos para o seu financiamento. Os   centros que discriminan o alumnado, por razón de sexo, reciben o 14% do orzamento total da consellería de Educación.

RESTITUÍR O TRANSPORTE ESCOLAR

Este   curso, explicou Rodil,  o PP sorpréndenos  cun novo sistema de transporte que, por vez primeira desde que se implantou a autonomía, “deixa á Consellaría de Educación sen competencias sobre transporte escolar que pasa a depender directamente da Consellaría de Infraestruturas”.

Puidemos constatar o grande número de  queixas da veciñanza e da comunidade escolar nos días previos á implantación do novo plan de transporte público e comprobamos como  en moitas  localidades  os horarios das liñas regulares “non coincidían co horario escolar” polo que defenderemos no Parlamento galego e nos concellos a través de diversas iniciativas restituír o transporte escolar.

MÁIS DE 25.000 SINTURAS EN DEFENSA DA LINGUA GALEGA

O ensino é unha ferramenta chave na normalización de usos do galego e   “unha obriga do Goberno da Xunta” velar polo seu cumprimento pero en realidade, o  alumnado da ESO na Galiza recibe 10 horas menos de aulas en galego que en castelán nas ensinanzas académicas e 13 horas menos nas aplicadas pola combinación explosiva da LOMCE e do decretazo do Partido Popular.

O Ensino Infantil en galego non existe nas cidades, é resulta  imposíbel  atopar unha escola infantil que use a lingua galega. Por outro lado, está prohibido impartir en lingua galega materias   como Tecnoloxía, Matemáticas e Física e Química.  

“Trasladamos o noso total apoio  á campaña iniciada pola   Mesa pola Normalización lingüística e  parabéns   pola  recollida de  máis de 25 mil sinaturas  para impulsar a Iniciativa Lexislativa Popular na defensa dos dereitos lingüísticos das galegas e galegos fronte á exclusión da nosa lingua en moitos ámbitos, tamén no ensino”.

Finalmente, a viceportavoz do BNG volveu reclamar  a derrogación da LOMCE e o decreto do plurilinguismo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG