O BNG propón constituír unha ponencia para superar o actual marco autonómico

Grupo parlamentar do BNG
Grupo parlamentar do BNG

O Grupo parlamentario rexistrou unha proposición non de lei co fin de iniciar o debate na Cámara galega para cambiar o actual status político de Galiza e a aumentar o autogoberno

O grupo parlamentario do BNG rexistrou hoxe unha proposición non de lei para a creación dunha ponencia na Cámara galega que abra o debate sobre a necesidade de superar o actual marco autonómico e dotar a Galiza de poder de decisión e máis autogoberno.

Tralo rexistro da iniciativa, a portavoz nacional e parlamentaria do BNG, Ana Pontón afirmou que existen problemas estruturais que “o actual marco autonómico non é capaz de resolver” entre os que citou: “a crise demográfica,  despoboación, máis desigualdades, deterioro no territorio e a nosa lingua e cultura nunha situación moi preocupante”, que fai máis necesario que nunca un debate sobre un modelo que, a todas luces, impide que Galiza poder desenvolverse en todos os ámbitos.

Neste sentido, a proposición non de lei  do BNG vai na senda do debate que se está a producir no Estado sobre a reforma constitucional e nese marco, explicou Pontón, “Galiza non pode quedar como mera espectadora”, agardando polas decisións de Madrid. Os galegos e galegas temos que contar cunha proposta para saber que poder político necesitamos para poder enfrontarnos aos actuais problemas e darlle “un xiro ao país”.

Resulta evidente, recalcou a  portavoz parlamentaria, que a ponencia que propón o BNG  precisa tempo e diálogo e sobre todo “escoitando á sociedade e o resto de propostas das outras forzas políticas” e debe  partir da realidade, por que  “somos un pobo, somos unha nación e aspiramos a contar con ferramentas para solucionar os problemas en Galiza”.

Temos unha autonomía “moi débil e neste momento dinamitada polo proceso de recentralización no Estado”. A nosa proposta, enfatizou, é ambiciosa para pensar a Galiza no futuro  e sobre todo, para acadar un novo marco político que abra espazos con capacidade de decisión real, que blinde os dereitos sociais e que nos permita decidir sobre a  nosa economía, a nosa lingua e decidir como galegos e galegas que futuro queremos ter”.

É preciso cambiar “unha dinámica socioeconómica” imposta  que o único ao que nos levou foi a unha poboación máis envellecida, con menos xente e a unha Galiza sen poder desenvolver todas as súas potencialidades. Dende o BNG temos claro que na   actual concepción política, “Galiza non existe e as decisións políticas se toman en Madrid para defender os intereses das grandes elites económicas do centro que  van contra os intereses de todos os galegos e galegas, concluíu.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG