O BNG propón aprobar o PLADIGA en abril e esixir a AUDASA que limpe a franxa de seguranza da AP-9

Ana Pontón: “A foto da reunión da Xunta co Consello Forestal chega tres meses tarde e é de mero trámite”

Reitera a Feijóo a proposta dun gran pacto de país para mudar a política forestal e ordenar o monte, expresada por carta ao titular da Xunta

O BNG propón aprobar o PLADIGA en abril e esixir a AUDASA que limpe a franxa de seguranza da AP-9

Décadas de política forestal fracasada e ao servizo de ENCE teñen convertido Galiza nun “auténtico polvorín” e, en palabras da portavoz nacional, Ana Pontón, “chegou o momento de dar un xiro de 180 grados” na ordenación do monte galego para loitar contra os lumes e frear o abandono do rural. Para iso, o BNG propón unha serie de medidas a curto e medio prazo, para evitar que a metade das hectáreas que cada ano arden no Estado sexan en Galiza.

De xeito inmediato: facer efectivas as franxas de seguridade en vivendas e infraestruturas e aprobación do PLADIGA con data límite no mes de abril. Neste sentido, Pontón puxo enriba da mesas dúas peticións, por un lado instou á Xunta a converterse en garante do cumprimento da normativa prestando todos os medios técnicos, económicos e humanos que se requiran en colaboración cos concellos e, en segundo, esixir de AUDASA a franxa de seguridade mínima de dez metros ao longo da AP9 e de todas as vías que xestiona.

“A Xunta non pode tirar balóns fora, ten que mollarse, non pode deixar soas nin ás persoas nin aos concellos que non dispoñen de medios para poñer orde neste caos creado pola política forestal do PP”, salientou Pontón, “o que non pode facer o Goberno galego é responsabilizar a todo o mundo para eludir as súas responsabilidades, como pode dicir que non responsabilidades cando determina a política forestal do país?”, interpelou.

A segunda medida concreta no curto prazo consiste en axilizar a posta en marcha do PLADIGA, polo que avanzou que o Bloque vai levar ao Parlamento unha proposta para que este operativo estea aprobado no mes de abril.

“A foto que imos ver hoxe do goberno reunido co Consello Forestal tiña que terse feito fai tres meses, porque é un dislate que a que se supón principal ferramenta de loita contra os lumes aínda non estea en funcionamento”, alegou, tras criticar que esa reunión sexa un puro trámite “porque o documento sairá como entra sen incorporar proposta algunha dos distintos axentes implicados”. “O PLADIGA ten que estar listo en abril e non pode ser un corta e pega dun ano para outro”, indicou.

Nas medidas a  medio prazo, o Bloque aposta por un pacto de país para mudar a actual política forestal e ordenar o monte e, neste sentido, Pontón remitiu a semana pasada unha carta ao presidente da Xunta demandando un encontro “para abrir un proceso de diálogo cara ese necesario acordo de país”.

Diálogo nun caixón

“Sei que é parece o mundo ao revés, porque tería que ser Feijóo quen se dirixira ás forzas políticas para convocalas de cara a  iniciar este diálogo, pero o BNG tampouco ten inconveniente en tomar a iniciativa”, dixo, “tendémoslle a man para ese acordo de país e espero que a resposta do presidente galego non sexa a de meter o diálogo nun caixón”, indicou.

É evidente se precisa un cambio radical porque “ninguén neste país cree que se estean a facer ben as cousas cando se está a converter Galiza nun polvorín, nun verán que se espera caloroso e seco porque, aínda que a Trump e antes a Rajoy, lle custe crelo, seca e lumes son as consecuencias directas do cambio climático”, concluíu.

Pontón tamén fixo referencia a situación creada polo proxecto de Plan de Transporte da Xunta, que ten suscitado un rexeitamento unánime entre os sector e os principais axentes afectados. Desde o Bloque demándase ao Goberno que retire a proposta e se inicie a negociación dun novo proxecto coa colaboración de todos os axentes implicados: concellos, comunidade educativa, empresas e traballadoras e traballadores do sector e forzas políticas. “Que abandone a prepotencia e a soberbia”, pediu Pontón.