O BNG propón acordos en emprego, violencia de xénero, dependencia, AP-9 e sectores produtivos

Ana Pontón no Parlamento Galego
Ana Pontón no Parlamento Galego

Apoiará a maior parte das iniciativas de resolución de Marea e PSOE

O BNG ofrece acordos ao PP en materia de emprego, loita contra a violencia de xénero, dependencia, sectores produtivo, transferencia da AP9 e memoria histórica, presentado textos de transacción ás propostas de resolución do grupo popular.

Nas transaccións relacionadas co emprego, o Bloque propón a derrogación das reformas laborais e recuperar todos os postos de traballo eliminados coa aplicación da taxa de reposición desde 2012.

En materia de violencia de xénero, executar os acordos do Parlamento aprobados en xaneiro de 2017 e maior dotación orzamentaria, ao igual que en dependencia, onde a transacción inclúe reclamar 150M€ ao Goberno central para compensar os recortes en Galiza neste ámbito, e fixar como prioritario acabar coas listas de garda garantindo unha prestación a todas as persoas dependentes.

Igualmente, inclúese unha proposta de transacción para incrementar os recursos económicos e humanos na atención primaria.

Mellorar a seguridade viaria nas estradas de titularidade autonómica a través dun plan integral, fomento da igualdade no deporte afeccionado e profesional para evitar discriminación algunha entre xéneros, son outras das transaccións presentadas. En materia de pesca, suprimir a normativa de descartes e demandar a presenza de Galiza nas negociacións deste sector que se deriven do Brexit.

O BNG tamén busca un acordo en relación á transferencia da AP9, reclamando unha reprobación institucional polo veto e o inicio das negociacións da transferencia. A memoria histórica centra a última proposta de transacción nacionalista,  e inclúe solicitar do Goberno central anular os xuízos e condenas do franquismo, declarar San Simón illa da memoria e promover con todas as administracións e colectivos a supresión da simboloxía da ditadura.

O Bloque non ten pechado o seu sentido do voto en relación ao resto das propostas populares e avanza que apoiará a maior parte das presentadas polos grupos de En Marea e PSdeG-PSOE.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG