O BNG presenta unha Lei Galega de Memoria Histórica que recoñeza ás vítimas e recupere os bens espoliados

Parlamento Aberto Memoria
Parlamento Aberto Memoria

Pontón alerta da involución democrática do Estado español, con recortes de dereitos e liberdades e politización da Xustiza

O Bloque celebra as IV Xornadas Parlamento Aberto, coordinadas  polo portavoz de Xustiza, Luís Bará baixo o titulo “Políticas de Memoria Histórica”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón anuncia unha Lei Galega de Memoria histórica que “recoñeza ás vítimas e recupere os bens espoliados polo franquismo”. No transcurso  das IV Xornadas de “Parlamento Aberto: Políticas de Memoria Histórica” organizadas polo BNG no Paramento galego, a portavoz nacionalista alertou da involución democrática no Estado e cualificou de “vergoñento”  ver como se “persigue a titiriteiros, sindicalistas, rapeiros e se lles condena a penas de cárcere, mentres a xustiza mira a outro lado ante a corrupción do PP”.

É vergoñento  que os membros da Casa Real non sexan xulgados por roubar cartos públicos, e  que  Urdangarin siga sen pasar un só día no cárcere, mentres “políticos cataláns seguen inxustamente en prisión por defender as súas ideas e cumprir un mandato democrático”. Na  actualidade, no Estado español  “non funciona a separación de poderes”  porque   “moitos xuíces están ao servizo dos intereses do PP”, manifestou.

Neste sentido  recalcou  que  “A xustiza belga, alemá e británica deixa  claro que no Estado español hai presos políticos, persoas que están na cadea por defender as súas ideas e hai xuíces que funcionan como correas de transmisión do goberno do PP, xuíces que en vez de impartir xustiza, fan política detrás das togas!  Isto, dixo,  “é unha estocada de morte ao Estado de dereito e unha ameaza para a democracia!”.

 LEI GALEGA DE MEMORIA HISTORICA

A lei do BNG, avanzou Pontón ,  será trasladada ao Parlamento e compartida cos representantes de asociacións, entidades e persoas  investigadoras para  incorporar as súas propostas. Pontón reivindicou unha  política pública da memoria “desde o Goberno e  co máximo rango institucional, transversal e participativa”.

En Galiza produciuse unha  “cruel represión a un  pobo que viu como se perseguía a quen pensaba diferente, como se asasinou, torturou, violou e exiliou a miles de persoas polo simple feito de defender ideas de progreso e benestar”. Estou convencida que a impunidade que se instalou desde ese momento, “explica  as cloacas, a corrupción e a podremia do réxime que estamos a vivir”.

Pero o  PP de Feijóo, insistiu a nacionalista, non  queda atrás, “leva 9 anos dedicando cero euros para políticas de memoria e desfixo todas as iniciativas impulsadas desde o goberno polo BNG. Tivo cero euros para as vítimas do franquismo pero tivo o descaro de financiar con 50.000 euros á familia franco para abrir 2 días ao mes o Pazo de Meirás. Unha vergoña!”, recalcou.

 A nacionalista lembrou que tralo intenso traballo, impulsado polo deputado  Luis Bará, hoxe é posible presentar unha proposición de Lei galega de   Memoria  Histórica para  sentar as bases dunha  política publica  baixo   as normas e  recomendacións das Nacións Unidas, que entenden a memoria colectiva como: “O dereito a coñecer a verdade, o dereito á xustiza e o dereito á reparación”.

A Lei  rexerase por principios baixo unha perspectiva galega, Transversalidade e Continuidade no tempo, coñecemento da verdade, socialización,perspectiva de xénero e proximidade coas vítimas e familias.

Na lei, tamén propomos  crear unha   Comisión da Verdade  que permita coñecer todas as formas de represión e todos os tipos de vítimas galegas do franquismo,  Paralelamente á Comisión da Verdade, crearase unha Oficina de Atención ás Vítimas e ás súas familias para o recoñecemento das vítimas e a posta en posta en marcha de recursos e medios de asistencia e acceso á xustiza, localización e identificación das vítimas, e configurar  “o censo das vítimas da represión franquista”.

Ademais, a  Xunta  adoptará as medidas e actuacións necesarias para a localización, identificación e/ou exhumación das vítimas desaparecidas, de conformidade cos protocolos establecidos

Parlamento Aberto MemoriaDÍA DA GALIZA MÁRTIR E RECUPERACIÓN DE BENS ESPOLIADOS

Pontón anunciou que a Lei establece  declarar  o 17 de agosto, Día da Galiza Mártir, “data do asasinato de Alexandre Bóveda na Caeira (Poio). As institucións públicas galegas realizarán  actos de recoñecemento e homenaxe, coa finalidade de manter viva a memoria e reivindicar a defensa dos valores democráticos.

Crearase tamén  unha rede de espazos da memoria para  a homenaxe permanente ás vítimas do Franquismo. “O Pazo de Meirás, recuperado para o patrimonio público galego, debe converterse nun espazo referencial para o estudo e divulgación da represión franquista e da loita polas liberdades e polo autogoberno de Galiza. E a Illa de San Simón  declarárase  Illa da Memoria, espazo  da loita pola liberdade en Galiza”.

Por medio desta lei tamén son declarados  “bens espoliados” as Torres, o Pazo de Meirás (Sada), a Casa Cornide (A Coruña) e as esculturas de Abraham e Isaac que  deben formar parte do  patrimonio público galego.

A comisión técnica de memoria histórica democrática realizará, no prazo máximo de 12 meses, un censo símbolos, expresións e monumentos conmemorativos e de exaltación do golpe de estado e a Ditadura franquista, coa finalidade de promover a súa eliminación.

SANCIÓNS DE 3.000 A 9.000 €  PARA ACTOS OFENSIVOS ÁS VÍTIMAS

 Neste ámbito, a lei  incluirá “un réxime sancionador” que establecerá sancións para quen realice actos contrarios ou ofensivos  ás vítimas da represión franquista,  ou incumpra a retirada de elementos contrarios á memoria histórica democrática, con multas de 3.001 a 9.000 euros”.

As IV Xornadas Parlamento Aberto: Políticas de memoria histórica, tamén contaron coas intervencións do deputado, portavoz de Xustiza  e exdirector xeral de Cultura, Luís Bará, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín e o  coautor do libro -Meirás, Un pazo un caudillo, un espolio- Carlos Babío.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG