O BNG pide á Xunta medidas para loitar contra a fraude na comercialización do pemento de Herbón

Ana na Coop. A Pementeira
Ana na Coop. A Pementeira

Ana Pontón visita a cooperativa de mulleres A Pementeira e anuncia iniciativas no Parlamento para apoiar a produción de calidade e a transformación desta materia prima

A portavoz nacional, Ana Pontón, realizou unha visita a cooperativa de mulleres A Pementeria, en Padrón, adicada a  produción, transformación e comercialización do pemento de Herbón baixo criterios de calidade, un proxecto que demostra a capacidade do sector pero que soporta a competencia desleal do pemento importando que se fai pasar por galego dando lugar tamén a unha fraude ao consumidor.

Pontón parabenizou a esta cooperativa de mulleres, -cunha vintena de socias-, e anunciou que o BNG vai presentar no Parlamento unha batería de iniciativas para apoiar a produción de pemento de Herbón apostando pola diversificación e pola creación de valor engadido a través da I+D+i, para o que se precisa unha maior implicación da Xunta.

“Requírese máis investigación pública sobre outros posibles usos e para a transformación do pemento que permita continuar coa diversificación da actividade e crear produtos de valor engadido que derive en máis riqueza e emprego e de calidade”, salientou Pontón, “e nesa liña imos levar iniciativas ao Parlamento porque este é un sector con moito potencial que precisa máis apoio público para loitar contra as importacións que fan competencia desleal e para diversificar a produción do pemento”.

Ana na Coop. A PementeiraNeste sentido, a dirixente do Bloque considera que “debe haber máis apoio na venta e na comercialización do pemento de Herbón e máis apoio para loitar contra a fraude ao consumidor que supón vender un produto que ven de fora, con menos calidade, que se fai pasar por produto autóctono”. “A Xunta debe activar máis controis contra esa fraude na que se vende produto de fora como se fose pemento de Herbón”, recalcou Pontón.

No encontro coas cooperativistas, a deputada nacionalista tamén fixo fincapé en que o BNG vai aproveitar a revisión da PAC para, desde o Parlamento europeo, conseguir que se teña en conta as características deste tipo de producións de calidade como as da Pementeira para que podan acceder  ás axudas comunitarias, das que hoxe están excluídas este tipo de proxectos.

“Hai unha inadapatación da lexislación da Unión Europea que deixa fora das axudas comunitarias a moitas explotacións agrarias galegas como é o caso deste proxecto cooperativista”, indicou  Pontón,  “e na revisión da PAC temos que conseguir que quede recollida a realidade do sector agrario galego para que poda ter acceso ás axudas un sector estratéxico para Galiza como é o sector da alimentación de calidade”.

Outro aspecto importante para potenciar a produción de pemento de Herbón é apostar pola transformación e a diversificación, como fan nesta cooperativa coa produción de marmeladas. “A creación da denominación de orixe protexida foi un paso adiante porque lle da un selo de calidade ao produto, pero hai que incidir nesta liña de transformación do pemento, na que xa traballa esta cooperativa de mulleres”, subliñou.

Na visita á cooperativa A Pementeira tamén asistiu o portavoz de Agricultura, Xosé Luís Rivas, Goretti Sanmartín da Executiva nacional do BNG, o portavoz municipal en Padrón, Xoán Santaló, e outros responsables locais.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG