O BNG pide á Xunta que garanta os servizos bancarios no rural ante o peche de oficinas

Noa Presas
Noa Presas
  • Presas alega que se trata dunha prestación básica e advirte que a banca telefónica apenas ten implantación fora dos núcleos urbanos 

O BNG levou ao Parlamento a progresiva desaparición de oficinas bancarias, -815 nos últimos anos-, que afecta sobre todo ao medio rural, o que está dificultado o acceso dunha parte significativa da poboación a un servizo básico, “posto que hoxe é practicamente imposible desenvolver a túa vida profesional ou económica sen ter unha conta bancaria”, explicou a deputada Noa Presas.

Presas explicou que na actualidade hai unha media de 1.661 persoas por oficina, unha ratio inferior á media estatal, que é aínda máis baixa nas localidades do interior das provincias de Lugo e Ourense, “iso supón unha deterioro do servizo que en nada beneficia a fixar poboación na Galiza non urbana”, indicou.

A deputada considera que unha parte deste peche de oficinas obedece ao proceso de reestruturación bancaria, - no caso galego sobre todo como consecuencia da fusión entre Caixa Nova e Caixa Galiza-, así como á desaparición do sistema financeiro do país.

Neste sentido, Presas pediu a intervención da Xunta para garantir os servizos bancarios a toda a cidadanía “con independencia do lugar de residencia”, e advertiu que o recorte de oficinas presenciais non pode suplirse coas oficinas virtuais da banca dixital, cuxo nivel de implantación e de uso é aínda moi reducido.

“Apenas un terzo da poboación usa con regularidade esta ferramenta, porcentaxe que é moito menor nas localidades rurais onde os e as usuarias non están familiarizados coas novas tecnoloxías e tampouco saben como obter información bancaria de calidade e solvente a través da rede”, concluíu Presas no debate na comisión de Economía.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG