O BNG pide a Xunta que corrixa as deficiencias da vía Ártabra en Lorbé e a súa conexión coa A-6 e AP-9

XLRIVAS COMISION INFRAESTRUTURAS1
Mini na comisión de infraestruturas

O deputado pola Coruña Xosé Luís Rivas levou ao Parlamento as deficiencias denunciadas pola veciñanza en relación ao ultimo tramo da Vía Ártabra até Lorbé e a conexión deste último tramo coas autosetradas AP9 e A6.

Entre os problemas detectados está o feito de que a apertura do tramo tapou o acceso a vías que as persoas residentes utilizaban habitualmente para xestións ordinarias como baixar ao porto, a praia ou cuestións tan cotiáns como ir a farmacia, comprar o pan ou coller o bus. Agora vense obrigados a dar rodeos a pe de máis dun quilómetro para poder facer o mesmo.

"Quedámonos sen acceso a pé, salvo que te saltes a mediana e cruces a vía Artabra, que seguro haberá quen o faga, sobre todo persoas maiores ou sen coche. Tiñan que ter deixado un paso elevado ou subterráneo”, relataba Rivas na comisión  parlamentaria de Infraestruturas recollendo os argumentos literais dunha veciña afectada.

Supresión de accesos a fincas, mesmo dividindo pola metade a casa do terreo, paso cortado a rutas oficiais de senderismo, entre os erros enumerados pola veciñanza.

Ademais das queixas veciñais, Rivas salienta a outra gran deficiencia da Ártabra, “tendo en conta que foi concibida para vertebrar unha ampla zona da comarca da Coruña”, a falta de conexión coa A6 e coa AP9. “Agora a Ártabra comeza no Porto de Lorbé e finaliza nunha rotonda que accede abruptamente á Nacional VI, no límite municipal entre Oleiros e Bergondo, e aínda por riba ao tramo desta estrada máis conxestionado”, argumenta o deputado. 

Por iso o BNG demandou no Parlamento que a Xunta estableza unha liña de diálogo cos veciños e veciñas e co concello para corrixir as deficiencias denunciadas, e para que se dean os pasos necesarios para dotar a vía Ártrabra cun enlace coas autoestradas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG