O BNG pide que sexa cesado o fiscal xefe de Ourense por perseguir ás vítimas

Noa Presas: “Non apartar o Fiscal xefe do seu cargo é dicirnos ás mulleres que o machismo e o baltarismo son intocábeis”

O BNG pide que sexa cesado o fiscal xefe de Ourense por perseguir ás vítimas

A deputada do BNG por Ourense, Noa Presas cualifica de “gravidade extrema” a operación de persecución política contra a muller que denunciou a Baltar baixo a acusación de   “ofrecer sexo a cambio de traballo”. A parlamentaria nacionalista   pedirá que o Fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, sexa apartado do seu cargo.

No día de hoxe fíxose público que o fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado recorreu o auto polo que é arquivada a demanda contra  José Manuel Baltar, Presidente da Deputación de Ourense, por un presunto acoso sexual  e que sexa  a  vítima e denunciante a   persoa que será  xulgada. A deputada por Ourense e responsábel de Acción Feminista  valorou esta cuestión como “un escándalo que pon aínda máis en dúbida unha xustiza que persegue ás vítimas de violencia machista en lugar de de protexelas”.

Presas indicou que “o acoso sexual é un delito e unha forma de violencia machista” recollida na Lei galega, no caso de ir para diante esta operación de acoso e derribo da muller que denunciou a Baltar, ao seu xuízo,  estarase incorrendo nun “erro gravísimo” que senta un precedente de desamparo e inseguridade para todas as mulleres que nalgún momento sexan agredidas e tomen a decisión de  denuncialo.

A deputada do BNG afirma que este feito demostra que en Ourense "non hai separación de poderes” e  a actuación do Fiscal xefe  lanza unha  mensaxe a todas as mulleres: “ O baltarismo e o machismo son intocábeis” e por iso o fiscal, Florentino Delgado, debe ser apartado inmediatamente do seu cargo, recalcou.