O BNG pide restituír os servizos de xinecoloxía, pediatría e raios X no centro de saúde das Pontes

Montse Prado
Montse Prado
O BNG pide restituír os servizos de xinecoloxía, pediatría e raios X no centro de saúde das Pontes

A deputada portavoz de Sanidade, Montse Prado, reclamou no Parlamento ao Goberno da Xunta mellores dotacións para o centro de saúde das Pontes, como demanda a veciñanza e tendo en conta que se trata dun dos municipios con maior poboación da provincia da Coruña.

En concreto, o BNG reclamou na Comisión de Sanidade a reposición do servizo de xinecoloxía, recuperar a segunda praza de pediatría e dotar ao centro do servizo de Raios X. “Non se cubriron nin xubilacións, nin baixas, o que se traduce nun deterioro da asistencia sanitaria”, denunciou Prado, “provocando, ademais, que os e as usuarias teñan que desprazarse ata 40 quilómetros o que, é evidente, empeora a atención que reciben as persoas doentes”.

Ademais de restituír a praza de xinecoloxía e a segunda de pediatría, o Bloque recolle outra demanda da veciñanza para dotar de servizo de Raios X no centro de saúde das Pontes.

Prado criticou a intervención do portavoz do PP na Comisión de Sanidade, Aurelio Centeno quen, lonxe de atender as demandas dos veciños e veciñas das Pontes, “por riba ameaza con retirar o PAC alegando que este concello ten unha asistencia sanitaria sobredimensionada en relación a súa poboación”. “Estou segura que a veciñanza das Pontes vai tomar nota da resposta do PP”, salientou.

A deputada advertiu que o PP “está preparando un cambio de modelo na atención pediátrica, de tal xeito que os nenos e as nenas en lugar de ser atendidos por pediatras en toda a rede sanitaria pasan a ser atendidos por un médico de familia”. En definitiva, “dar a asistencia pediátrica a través dun médico de familia e quen queira un especialista que o pague na privada, ese é o modelo da Xunta”.

“O ataque que o PP  ten feito a atención primaria cun recorte do 20% nos orzamentos desde 2009 ao final ten consecuencias: menos profesionais e peor calidade asistencial”, concluíu Prado.