O BNG urxe á Portos de Galiza executar melloras na zona portuaria da Pobra do Caramiñal

Mini
Mini

Mini recrimínalle á autoridade portuaria o pésimo resultado dun suposto investimento de 45.000€, e pide que os cartos públicos non se traduzan en “chapuzas”

O deputado pola Coruña, Xosé Luís Rivas, pediu explicacións a Portos de Galiza no Parlamento sobre o estado no que se atopa a zona portuaria da Pobra do Caramiñal, máxime despois do infrutuoso investimento de 45.000 euros por parte da entidade portuaria.

Nas preguntas formuladas na Cámara, Rivas fixo referencia a rúa que vai desde a entrada ao porto comercial até o Paseo do Areos, así como a zona de aparcamento libre situada no recheo do portuario “que presentan un deterioro moi grave cun firme en moi mal estado e diversas fochancas que provocan trastornos evidentes e xa teñen provocado danos en vehículos”, salientou o deputado, quen pediu explicacións polo pésimo resultado dos arranxos realizados.

“Os que tamén nos adicamos á política municipal sabemos o que poden dar de si 45.000 euros ben empregados e penso que deberían pedir explicacións por ese resultado chapuza porque un bacheo provisional non se levanta así como así, por moito temporal que veña”, interpelou Rivas ao presidente de Portos de Galiza, José Durán, “pero se quedou peor do que estaba, estiven alí e vino non mo contaron, e algúns dos que traballamos na política queremos que os recursos públicos dean de si”, salientou o deputado nacionalista.

De feito, e pese a ese suposto investimento, as choivas dos últimos días levantaron o tratamento superficial deixando unha situación aínda peor, “coa grava solta acumulada en montóns, as fochancas novamente abertas e o deterioro da totalidade da rúa sen arranxar”, denunciou Rivas. A inseguridade da zona do aparcamento libre no recheo portuario, que ocasiona risco na circulación de vehículos, é outra das deficiencias denunciada polo Bloque, “sobre todo en tempada turística coa chegada de moitas persoas que descoñecen os sentidos de circulación existentes na zona”, alegou.

Igualmente, o BNG demanda unha iluminación acaída para o espazo portuario, xa que na actualidade son máis os días ao ano sen iluminación que con ela creando inseguridade entre as persoas que circulan entre o casco urbano e o aparcadoiro. “Este espazo é competencia de Portos de Galiza e teñen que actuar”, concluíu Rivas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG