O BNG pide políticas de impulso para o cooperativismo agrogandeiro

Olalla Rodil e Xosé Luís Mini co presidente e xerente da cooperativa AIRA
Olalla Rodil e Xosé Luís Mini co presidente e xerente da cooperativa AIRA

Os deputados do BNG, Olalla Rodil e Xosé Luís Rivas visitaron a Cooperativa “Aira” en Taboada, (Lugo) que aglutina a   2.800 agricultores e gandeiros e 220 traballadores en 15 centros de traballo   

O BNG pide políticas de impulso para o cooperativismo agrogandeiro

Tras a visita á cooperativa Aira en Taboada, (Lugo), os  deputados do BNG, Olalla Rodil e  Xosé Luís Rivas trasladaron ao equipo directivo o compromiso do BNG co sector agrogandeiro e a necesidade de novas políticas que impulsen as cooperativas.

“Cremos que Aira é un exemplo de que o rural galego e o sector agrogandeiro teñen futuro e son xeradores de postos de traballo e riqueza malia todas as dificultades”, afirmou o parlamentario e portavoz de agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas.

Na súa visita , os deputados do BNG  foron informados  do proxecto a curto, medio e longo prazo da cooperativa  baseado na sustentabilidade  e  comercialización así como na  transformación da materia prima e servizos que presta a cooperativa.

Rodil e Rivas  trasladaron aos responsables  de AIRA o compromiso do  BNG  para continuar  defendendo  no Parlamento galego   a necesidade de que se produza un ordenamento territorial en Galiza que permita “contar con  base agraria ás explotacións, rematar  coa forestación de terras agrarias e favorecer  as condicións necesarias para que os pasos que deu e está a dar o sector sexan acompañados pola administración con políticas que o impulsen e contribúan ao seu desenvolvemento”.

A cooperativa Aira naceu como cooperativa de 1º grao en xullo de 2017 tras a  fusión  de 5 cooperativas de Lugo: Agris, Icos, Cogasar, Coelplan e a propia Aira creada como cooperativa de 2º grao en 2005. Na actualidade conta con máis de  2.800 socios, entre agricultores e gandeiros, e 220 traballadores repartidos en 15 centros de traballo e produción  das explotacións asociadas ascende a 310 millóns de litros ao ano repartidos en 1.100 explotacións.

Os deputados do BNG visitaron as instalacións da fabrica de pensos de Taboada que produce 200 mil toneladas  e mesturas que posteriormente distribúen entre máis de 2 mil cooperativistas.  

No encontro  co presidente da cooperativa, Xosé Manuel Tellado, e o seu xerente, Daniel Ferreiro, os nacionalistas reiteraron o compromiso do BNG co sector   agrogandeiro galego como  eixo fundamental do desenvolvemento económico do país, sobre todo das comarcas de Lugo e a necesidade de que proxectos como Aira saian adiante apostando non só na produción de calidade senón tamén na xeración de valor engadido.

Este  encontro enmarcase  nas diferentes  xuntanzas que está a manter o BNG con representantes do sector agrogandeiro galego para coñecer os proxectos e trasladar   as propostas do Bloque para o sector primario. No BNG, afirmou o parlamentario, Xosé Luís Rivas “temos un proxecto de país no que o sector primario é fundamental”.