O BNG pide que o Panteón de Galegos Ilustres sexa de titularidade pública, de uso civil e laico

14544671310_4d785d8da9_k
Tumba de Castelao no Panteón de Galegos Ilustres
  • A deputada do BNG, Olalla Rodil denunciou os impedimentos para visitar “con liberdade” a tumba de Rosalía de Castro sen a correspondente autorización do Arcebispado de Santiago, titular do Panteón de San Domingos de Bonaval

O BNG volveu reclamar hoxe no Parlamento galego o uso civil, laico e  titularidade pública do Panteón de Galegos Ilustres ante a imposibilidade de poder visitalo  sen a pertinente autorización do Arcebispado de Santiago.

A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, a deputada do BNG, Olalla Rodil considerou paradóxico que non exista ningún problema para bautizar o actual aeroporto de Santiago de Compostela  co nome da poeta nacional,  Rosalía de Castro, e sen embargo, o Panteón de Galegos Ilustres, “un dos principais símbolos de Galiza” que acolle a tumba da figura clave do rexurdir cultural galego non poida ser visitada con liberdade sen a conseguinte autorización do Arcebispado  de Santiago.

A deputada  insistiu na necesidade de ofrecer unha solución ao actual emprazamento do Panteón polo que volveu a preguntar se existe algunha medida, por parte do goberno galego,  para que de novo,  o “panteón sexa de titularidade pública e cun uso civil e laico” porque coa titularidade da Igrexa, “non está sendo así”, recalcou Rodil.

Pola súa parte, o conselleiro Román Rodríguez respondeu  que a Xunta está disposta a un acordo conxunto con todas as forzas políticas para unha “lei autonómica que recoñeza o Panteón de Galegos Ilustres  como símbolo da Cultura galega” e como xa figura no propio programa electoral do Partido popular ao que a nacionalista replicou que  é necesario buscar unha solución a un espazo que na súa orixe xa foi concebido como un espazo de “titularidade pública e laico” e polo tanto, reiterou, debe recuperar esa consideración.

Por outra parte, lembrou que o Museo do Pobo galego, situado no mesmo enclave que o Panteón  é de titularidade pública, neste sentido,  reclamou tamén esta condición para o Panteón de Galegos Ilustres.  “Debe ser público, laico, de interese cultural, posto en valor e promovido para o seu coñecemento”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG