O BNG pide a nulidade da sentenza contra os presos do “campamento da dignidade” e a súa liberación

Miranda avanza que o Bloque presentará esta reclamación ante a UE e outros organismos internacionais

O BNG pide a nulidade da sentenza contra os presos do “campamento da dignidade” e a súa liberación

O BNG expresa o seu total rexeitamento pola sentenza que condena aos 24 presos políticos do denominado campamento da dignidade Gdeim Izik nun xuízo farsa que repite o veredicto previo do tribunal militar, ao tempo que reclama a súa posta en liberdade inmediata.

A coordinadora da Area de Internacional da Executiva nacional, Ana Miranda, avanza que o Bloque vai trasladar esta reclamación á UE e aos organismos internacionais, tendo en conta que foi un xuízo político sen ningunha garantía e por parte dun goberno antidemocrático como é o de Marrocos.

Miranda, que xa estivera como observadora internacional en Rabat na celebración deste xuízo en xuño, denuncia “vulneración dos dereitos humanos” dos 24 presos políticos sometidos a esa farsa, que tamén atenta contra a defensa do dereito á libre determinación do Pobo Saharauí, “nunha actitude despótica e colonial” do Goberno marroquí.

O campamento da Dignidade Gdeim Izik foi creado no 2010 perto de El Aaiún, como denuncia á discriminación política, económica, social e cultural que sofre o Pobo Saharauí. Foi desmantelado por Marrocos con extrema violencia, nunha actuación que custou a vida a once policías e dous activistas Saharauís. As 24 persoas agora xulgadas foron detidas e acusadas sen probas.

“Ademais de inventar probas contra os imputados, os detidos foron sometidos a abusos manifestos e mesmo a tortura, sen que estas terribles circunstancias fosen tidas en conta na causa, vulnerando o Convenio de Istambul contra a Tortura”.

Este segundo xuízo político “só pode cualificarse de farsa e de fraude legal”, pero é que ademais, lembra Miranda,  o proceso xudicial é inválido por celebrarse fora dos territorios ocupados, segundo os criterios establecidos no Dereito Internacional, de feito, o xuízo en sede militar previo contra estas mesmas 24 persoas xa foi anulado.

O BNG reitera o seu total apoio ao Pobo Saharauí e ás denuncias de numerosos colectivos de solidariedade e de organizacións de defensa de dereitos humanos, así como ao Intergrupo do Parlamento Europeo Paz para o Pobo Saharauí.