O BNG pide no Parlamento Galego un plan específico para a flota do xeito

Montse Prado
Montse Prado
O BNG pide no Parlamento Galego un plan específico para a flota do xeito
  • Montse Prado: “Non se pode aplicar criterios de pesca industrial a 416 pequenas embarcacións que aportan ingresos complementarios para subsistir”

Santiago de Compostela, 30 de Maio 2017.-  A portavoz de Pesca Montse Prado defendeu no Parlamento a exclusión do xeito do plan de recuperación da sardiña e demandou do Goberno da Xunta que exerza as súas competencias para protexer ás 416 embarcacións que utilizan esta arte de pesca artesanal sen incidencia sobre a pesquería, que proporciona ingresos adicionais aos tripulantes.

Na Comisión de Pesca, Prado denunciou o disparate que implica tratar esta flota cos mesmo criterios que á pesca industrial cando se trata de embarcacións que non superan de medio os 7 metros de eslora e cuxa tripulación é, como moito, de tres persoas que teñen no xeito unha alternativa para acadar “ingresos complementarios”.

A deputada criticou a inacción da Xunta á que reclamou que exerza as súas competencias posto que a maior parte desta flota faena en augas interiores.

“É unha barbaridade que o Goberno galego permita que estas embarcacións teñan uns topes impostos sen ningún sentido porque estamos falando de pesca sustentable, con barcos de 7 metros como moito e ata tres tripulantes no mellor dos casos. O problema non é o recurso, senón unha intención premeditada de expulsar aos nosos mariñeiros”, denunciou a portavoz de pesca.

Prado fixo fincapé en que esta actividade “é determinante en moitas localidades do país, porque achega recursos complementarios para as familias”, e ante a negativa do PP a aprobar a proposta nacionalista avanzou que o Bloque seguirá traendo a reclamación ao Parlamento “ata que o sector do xeito teña unha resposta ás súas demandas”.

“A iniciativa do BNG é de xustiza e demandamos que o Executivo tome medidas xa que a maior parte desta pesca artesanal faise en augas interiores, que son competencia da Xunta, polo que a interferencia do Goberno central non está xustificada e o Goberno galego debe plantarse e exercer as súas competencias, senón se fai e porque non se lle quere dar mecanismos a xente do mar para poder saír adiante”.

A parlamentaria recolle as denuncias deste sector, “totalmente abandonado por este goberno do PP”, indicando que os 50 quilos ao día que teñen establecidos de capturas “non cobren nin os gastos da embarcación”, ao tempo que advirte sobre a posibilidade de que en algún momento se aplique un sistema de reparto de cotas históricas que deixaría fora de xogo ao sector, ademais de demandar da Xunta un plan de desenvolvemento propio para o xeito.