O BNG pide modificar a lei que discrimina as pensións d@s emigrantes retornad@s

Tereixa Paz presenta unha Proposición de lei destinada a cambiar os artigos, 7, 17 e 96 da lei do IRPF que na actualidade establecen “un trato diferente entre pensións cobradas no estranxeiro a respecto das pensións no Estado español”

Tereixa Paz

 A deputada do BNG, Tereixa Paz retou hoxe ao Goberno galego a posicionarse “ao lado de Montoro ou dos pensionistas retornados” en relación á tributación das pensións públicas deste colectivo retornado de Estados cos que existe convenio de dobre imposición e que, ao seu xuízo, reciben un “trato discriminatorio” a respecto das pensións do Estado español.

Medidas anunciadas polo Ministerio de Facenda e Axencia Tributaria

Ante o anuncio da Axencia tributaria sobre a devolución de importes cobrados a emigrantes retornados, a nacionalista considerou a medida de “operación cosmética” e constatación do “roubo” ao colectivo. Que Facenda anuncie a devolución de sanción e recargos, dixo, non é outra cousa máis que un claro recoñecemento dun “cobro indebido” como en numerosas ocasións xa denunciou o BNG.

Asemade, a proposta do Ministerio de Facenda publicada no BOE reflicte, a noso xuízo, catro importantes deficiencias: Non garante o trato “xusto e igualitario” a respecto dos ingresos doutro tipo de pensións, non aclara que persoas deben realizar a declaración da renda de pensións procedentes do exterior, non informa sobre as pensións de invalidez e por tanto sen obriga de presentar a declaración da renda e sobre todo, recalcou, non determina se serán asumidas as distintas sentencias contrarias ao proceder da Axencia Tributaria.

Por outra parte, resulta “unha tomadura de pelo” que sexan as persoas afectadas por sancións, incluídos os xuros, as que deban reclamar as devolucións, o propio sería, dixo que este trámite fora “de oficio”.

Para a deputada, a Xunta e a conselleira de Facenda, Elena Muñoz deben definirse e decidir ao lado de quen están, “se do Ministro Montoro ou das persoas afectadas por unha situación anómala” da Axencia Tributaria contra os emigrantes retornados.

O BNG quere reformar a Lei para acabar co trato discriminatorio d@s emigrantes retornad@s

Tereixa Paz criticou as declaracións da titular de Facenda nas que negou un trato diferente aos emigrantes retornados, “non é certo, recalcou Paz, a lei ten un trato discriminatorio para as pensión devengadas no estranxeiro”.

A deputada puxo como exemplo unha declaración da renda de contías iguais entre unha persoa retornada e a pensión do Estado español, “cuns ingresos de 14.000, o retornado pagará 963,66 euros mentres que un /unha pensionista que non emigrara deberá abonar 714 euros”, explicou.

Tereixa Paz ante os medios de comunicación

Defenderemos cambiar a lei por unha cuestión de xustiza e para rematar con este “aldraxe” e para iso é preciso modificar tres preceptos da lei 35/ 2006 nos seus artigos, 7, 17 e 96, sentenciou

Mentres a U.E anuncia o seu rexeitamento ao dique flotante, Feijóo e Conde participan da Festa da Vieira

A preguntas dos xornalistas sobre as declaracións do Conselleiro de Industria ante o anuncio do portazo de Bruxelas ao dique flotante na ría de Ferrol do que dixo, é mellor esquecer o dique e buscar outras alternativas, Tereixa Paz lamentou estar ante unha decisión de carácter política e “non técnica” como o Partido popular pretende facernos ver.

Paz denunciou o incumprimento das promesas electorais do PP sobre a construción do dique, para agora tentar convencernos de que existen outras alternativas, o que pasou onte pola mañá, criticou, é “unha caricatura do Goberno galego”. Ante a decisión da U.E, Feijóo en troques de chantarse en Madrid reclamando unha estratexia común co Goberno do Estado preferiu “presidir a cuchipanda da Orde da Vieira e colocarlle un gorro cunha vieira na cabeza ao conselleiro de Industria”. Esas son as “bufonadas” que tanto lle gustan ao Presidente da Xunta, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG