O BNG pide manter a marca Pastor e reclama a implicación da Xunta en defensa do emprego

Noa Presas e Montse Prado coa CIG Banca
Noa Presas e Montse Prado coa CIG Banca

O BNG comparte coa CIG que o prioritario é buscar unha solución para as persoas estafadas e para preservar os postos de traballo

Noa Presas denuncia “tráfico de información” na liquidación do Pastor

O BNG pide manter a marca Pastor e reclama a implicación da Xunta en defensa do emprego

O BNG mantivo un encontro cos responsables de CIG banca para analizar a situación creada tras a liquidación do Banco Pastor e concordaron na proposta de manter a marca da entidade en Galiza e en dar prioridade tanto ao mantemento do emprego como en buscar unha solución para as persoas estafadas.

Neste sentido, a portavoz parlamentaria de Economía, Noa Presas, sintetizou en catro as propostas da formación nacionalista para deseñar unha “estratexia galega e evitar que Galiza quede como mera espectadora”.

En primeiro lugar, o Bloque solicita unha investigación de todo o proceso de venda “ao prezo dun café” do Banco Popular que implica a desaparición do Pastor, así como a inclusión desta operación de liquidación dos restos do sistema financeiro galego como obxecto de investigación da comisión parlamentaria das caixas de aforro.

En segundo lugar, buscar as fórmulas para a devolución dos aforros a todas as persoas afectadas por esta nova “estafa bancaria”, tendo en conta ademais que unha parte moi importante das accións tóxicas foron adquiridas polos traballadoras e traballadores “coaccionados” pola propia dirección da entidade.

Como terceira medida, Presas propuxo “unha estratexia en defensa do emprego, incluídos tamén os postos de traballo nas empresas auxiliares, por iso é importante manter  marca Pastor”. E, por último, a deputada nacionalista demandou un “cambio de temón” na defensa dos usuarios e usuarias da banca lexislando e introducindo todos os cambios normativos necesarios para evitar que sexan presa de estafas bancarias ou da colocación de produtos tóxicos e, ao mesmo tempo, para evitar a súa “exclusión financeira”.

Presas cualificou de “incomprensible a actitude de pasividade da Xunta” ante este novo episodio da estratexia de centralización e concentración bancaria, deseñada desde Madrid coa conivencia de PP e PSOE, “de nefastas consecuencias para Galiza”, dixo, tras denunciar que houbo información privilexiada.

“É evidente que se posibilitou tráfico de información en todo este proceso”, salientou, ao tempo que sinalaba que, de novo, volveron fallar todos os mecanismos de control tanto por parte dos supervisores, -Banco de España e CNVM-, como por parte do Ministerio de Economía. “Teñen que dar moitas explicacións”, salientou.

Na reunión o responsable de CIG banca Clodomiro Montero resaltou as prioridades para a central sindical, que pasan pola defensa do emprego e por dar unha solución á clientela estafada “que é a que nos da de comer”, dixo, tras un encontro no que tamén participou a deputada Montse Prado e responsables do cadro de persoal do Banco Pastor.