O BNG pide a Feijóo que non acepte a chantaxe de Ferroatlántica para vender as centrais do Xallas

O BNG pide a Feijóo que non acepte a chantaxe de Ferroatlántica para vender as centrais do Xallas
  • Propón pasar a beneficio público a explotación das centrais, toda vez que a multinacional declara que non as considera estratéxicas

O BNG insta ao presidente da Xunta a plantar cara á chantaxe que Ferroatlántica está a facer á Costa da Morte e ao propio Goberno galego baixo a ameaza de que non haberá plan industrial para as plantas que a multinacional ten en Galiza, a menos que se lle permita vender as centrais do Xallas.

Centrais que ten en concesión desde fai décadas e que lle permitiron dispoñer de millóns de quilovatios de electricidade gratis a cambio de manter investimentos e emprego. Nun comunicado emitido hoxe, a multinacional declara que xa non considera “estratéxicos” estes “activos” razón pola que anuncia a súa intención de vendelos.

“Resulta disparatado que unha empresa anuncie que pretende vender algo que non lle pertence, porque lembrámoslle a Villar Mir que as centrais son públicas, propiedade dos galegos e galegas, por moita nostalxia que teña de tempos pasados nos que espoliar os recursos do país para lucro privado era normal”, indicou o deputado pola Coruña Xosé Luís Rivas.

Se a multinacional considera que non precisa a concesión das centrais, afonda Rivas, “é de puro sentido común que o 100% dos beneficios da súa explotación revertan nas arcas públicas”.

O BNG pide a Feijóo que siga mantendo a unidade política, “nunha posición de país” e, ao mesmo tempo, esixa a Ferroatlántica o cumprimento de todos os seus compromisos en emprego e investimento, “porque Villar Mir débelle moito a Galiza, pero Galiza non lle debe nada a Villar Mir”, subliñou o deputado coruñés, “algo que comparte toda a Costa da Morte como se puido ver na recente manifestación a favor do futuro industrial da comarca”.

Ademais, o Bloque chama a atención sobre o feito de que Ferroatlántica teña anunciado que pretende ingresar pola venda 255 millóns de euros e fale dun investimento de 50M€.

“Sería unha estafa a todos os galegos e galegas que se lle regale a esta multinacional 255M€ para un suposto investimento de 50, aínda que é difícil dar crédito a cifras e argumentos que mudan en cada comunicado, ademais da ousadía da empresa ao ameazar con suspender ese investimento senón se lle permite espoliar os recursos públicos de Galiza”, concluíu