O BNG pide desenvolver a Lei Paz Andrade e convocar prazas de docentes en portugués

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Non hai persoal docente especializado en portugués e a última oferta pública de emprego non  contempla ningunha praza nesta materia. Estremadura fixo unha aposta decida e estratéxica mentres que Galiza non aproveita a oportunidade que lle brinda o galego  

O BNG pide desenvolver a Lei Paz Andrade e convocar prazas de docentes en portugués

A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil pediu  ao secretario xeral de Política Lingüística cumprir a lei Paz Andrade e dotar de profesorado especializado en portugués  para manter a aprendizaxe nos centros galegos  de ensino. Trala comparecencia de Valentín García para informar do fomento de lazos lingüísticos e culturais de Galiza co mundo da lusofonía, a nacionalista indicou que mentres en Estremadura existe unha aposta real para o ensino desta materia cun alumnado que alcanza a máis de 10.000 persoas , en Galiza “non chega nin a metade”.

A nacionalista asegurou que hai que dotar de estabilidade o ensino en portugués e a Lei Paz Andrade, tras dous anos de aprobación, constata  como non existe unha estratexia para ampliar a lingua portuguesa en Galiza.

Rodil puxo algúns exemplos de centros nos que se imparte portugués para denunciar que o ensino de portugués interrómpese ao rematar a interinidade do docente, ao igual que aconteceu cos departamentos desta lingua. Para dotar de estabilidade a incorporación da lingua portuguesa ao ensino, dixo,  debe ser regulada cunha normativa que acompañe  a posibilidade de crear unha sección bilingüe que non dependa da “fortuna” da persoa que imparte esa materia porque isto, criticou “seguro que non acontece nunha sección bilingüe en inglés”

A Lei Paz Andrade asentaba “unha aposta estratéxica e decidida” e non a vemos despois de dous anos da súa aplicación, polo que volveu a   insistir na dotación orzamentaria e de  prazas na convocatoria da oferta pública de emprego deste ano.

Por outra parte, tamén se referiu á  recepción das radio e televisión pública portuguesa en Galiza  que segue sen estar normalizada, situación da que responsabilizou, tanto ao Estado español como a Xunta de Galiza.

Para a deputada, “a lingua e cultura tecen unha rede”  para abordar cuestións  políticas ao máis alto nivel  que afectan  a ámbitos como a pesca, agrogandeiría, comercio internacional, relacións diplomáticas ou  política exterior.

A parlamentaria reiterou que Galiza, “non pode perder a oportunidade” de formar parte do espazo natural da lusofonía porque lle abre grandes oportunidades en termos económicos e comerciais internacionalmente e  instou á  Xunta a que  traballe pola incorporación de Galiza á Comunidade de Países en Lingua Portuguesa (CPLP), como “membro observador asociado”.