Parlamento Galego

O BNG pide ao Consello de Contas un maior control das deputacións e máis ambición na loita contra a corrupción

Cyqo3tyWQAAxTit
  • Noa Presas demanda incrementar recurso económicos e humanos deste organismo de fiscalización das axudas aos partidos políticos

O BNG reclamou no Parlamento máis recursos económicos e humanos para o Consello de Contas de Galiza para facilitar o labor de control deste órgano de fiscalización, máxime desde a asunción de novas competencias como a vixilancia aos partidos políticos.

No debate parlamentario dos orzamentos de 2017 a deputada Noa Presas instou a esta institución a ser “máis ambiciosa na loita pola transparencia na xestión de recursos públicos”, cunha petición concreta a realizar unha maior fiscalización das Deputacións. Presas argumentou ante o conselleiro maior, José Antonio Redondo, que  “salvagardar a ética e a transparencia na xestión dos recursos económicos na busca do obxectivo cero corrupción é un reto que precisa recursos”.

A deputada nacionalista salientou o “profundo respecto do BNG cara unha institución que salvagardou a súa independencia no período Feijoo, e puxo en valor o traballo de todas as persoas adscritas a este órgano de control”. Por iso, reiterou, tilda de “decepcionantes e insuficientes” os orzamentos previstos para este órgano, do que responsabiliza ao Goberno da Xunta.

“Poñemos en dúbida que con este orzamento se poida actuar eficazmente ante as novas competencias asignadas e sabendo que o Consello de Contas acumula un recorte superior ao 13% respecto de 2009”, argumentou.

Os recurso asignados nas contas do próximo ano “non son garantía” para prever a corrupción, elaborar códigos de conduta, asesorar ao Parlamento ou fomentar a participación cidadá e o coñecemento a favor da transparencia, ao que ven sumarse a nova competencia de fiscalización das axudas aos partidos. “Todas estas funcións requiren duns medios e dun persoal que os orzamentos non garanten”, concluíu Presas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG