O BNG pide abrir unha liña de axudas directas para paliar os efectos da seca

Seca
Seca

A deputada Noa Presas critica o “abandono” do Goberno galego ante unha situación que cualifica de extrema no oriente ourensá.

O BNG pide abrir unha liña de axudas directas para paliar os efectos da seca

A deputada do BNG por Ourense, Noa Presas reclama no Parlamento galego abrir “unha liña de axudas directas” destinada ás persoas afectadas pola seca, especialmente en Viana do Bolo, A Gudiña, A Mezquita e Chandrexa de Queixa.

A deputada salienta que a falta de chuvia e as altas temperaturas están a provocar graves consecuencias nas explotacións agrogandeiras polo que solicita unha liña de axudas para paliar os seus efectos, tal e como ven demandando  o sector desde  o mes de setembro.

Por outra parte, critica “a inacción” do goberno galego ante unha situación grave que está a poñer en risco a viabilidade de moitas explotacións que comezaron xa a vender gando. A Xunta, afirma Presas, non está a acometer ningunha medida efectiva neste ámbito. Presas explicou  que “a Xunta só fai propaganda dicindo que se van poder adiantar as axudas da PAC, algo que levamos oíndo durante  dous meses pero  sen concreción”. Ao seu xuízo, o que precisa o sector son medidas de urxencia e non só “créditos bancarios”. O sector, recalcou, necesita  “medidas” como que a Xunta axude nos custos da comida dos animais ou encher  os depósitos de auga para a extinción de incendios  para que os animais poidan beber en caso de extrema necesidade.

Reclama polo tanto, máis determinación dos gobernantes galegos e iniciar de maneira urxente “accións” para paliar as consecuencias da seca e que a lexislatura de Feijóo non sexa a de “extinción do rural”. A deputada recordou que “a seca ten consecuencias, non só na manutención do gando, afecta tamén  de forma moi  negativa á colleita da castaña e do mel, zonas xa afectadas pola xeada e cuxas perdas rondan o  80%”.

A VAGA DE LUMES FAI NECESARIO UN PLAN ESPECIFICO PARA OURENSE

A deputada nacionalista amosou a súa preocupación pola vaga de lumes que afecta ao sur de Ourense e concretamente ao Xurés, onde arderon xa máis de 700 hectáreas.  Desde o BNG, afirmou, consideramos   que é “absolutamente temerario” por parte da Xunta de Galiza non manter o dispositivo de extinción a pleno rendemento cando estamos ante  un setembro e outubro de temperaturas altas. Todas estas circunstancias fan necesario e urxente abordar medidas específicas para paliar as consecuencias  provocadas polas nosas  condicións climáticas, “proposta que o PP continua a ignorando”.