O BNG pedirá no Parlamento a paralización da venta do xacemento arqueolóxico de Pena Grande en Vilalba

Pena Grande, Vilalba (foto: Wikiloc)
Pena Grande, Vilalba (foto: Wikiloc)

O Ministerio de Facenda español subasta a finca na que se atopa o principal xacemento arqueolóxico do Paleolítico Superior de Galiza

Olalla Rodil sinalou que “é parte fundamental do Museo de Arqueoloxía e Prehistoria de Vilalba e non pode rematar en mans privadas”

A deputada do BNG, Olalla Rodil, anunciou que presentará unha iniciativa no Parlamento para paralizar a venta dos terreos nos que se atopa o xacemento arqueolóxico de Pena Grande de Férvedes en Vilalba. Trátase do principal xacemento arqueolóxico do Paleolítico Superior de Galiza e a finca na que se está situado vai ser sacada a subasta pública polo Ministerio de Facenda español. Rodil explicou que no Boletín Oficial do Estado (BOE) do luns 20 de novembro de 2017 o Ministerio de Hacienda y Función Pública publica unha resolución da Delegación de Economía y Hacienda de Lugo pola que se acorda a enaxenación en poxa pública de fincas rústicas na provincia de Lugo mediante o procedemento de presentación de ofertas en sobre pechado con poxas á alza. Entre os predios que saen a poxa, que terá lugar o vindeiro 15 de decembro de 2017, atópase a Parcela 146 do polígono 1, paraxe detrás da Pena Grande, da zona de concentración parcelaria de Santabaia, no Concello de Vilalba con referencia catastral l 27065C001001460000WE.

Olalla Rodil sinalou que “é parte fundamental do Museo de Arqueoloxía e Prehistoria de Vilalba e non pode rematar en mans privadas”. Neste predio localízanse o principal xacemento arqueolóxico do Paleolítico Superior na Galiza. De facto, aparece referenciado no prego de condicións da poxa co seu correspondente número de rexistro no Inventario General de Bienes y Derechos del Estado 2013-724-27-027-0000-088. Este conxunto arqueolóxico ao ar libre foi descuberto en 1971 polo vilalbés José Ramil Soneira e del foron recuperados distintos úteis de sílex, cuarzo e vidro de rocha, así como un colgante pétreo de forma ovoide cun buraco circular datado de hai 17 mil anos considerado até o momento como a peza máis antiga do noso país, depositada, ao igual que outros restos, no Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba.

O Bloque Nacionalista Galego reclama que a administración pública, principalmente a Xunta de Galiza, asuma a súa competencia exclusiva sobre o patrimonio galego (artigo 2 da Lei 5/2016) e garanta a protección e conservación deste lugar. “Cómpre subliñar que Pena Grande de Férvedes é o principal xacemento do Paleolítico Superior e arredor del foi construído o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba o que evidencia a súa importancia histórica e patrimonial” afirmou Olalla Rodil.

O maior xacemento do Paleolítico Superior por 7.785, 66 euros

O prezo deste predio, de 35.512 metros cadrados, con expediente 2016 027 00090, é de 7.785, 66 euros.  Segundo Olalla Rodil “a venda deste lote podería supor a privatización do maior xacemento arqueolóxico do Paleolítico Superior na Galiza se acaba en mans particulares e moi posibelmente a destrución do lugar tal e como o coñecemos poñendo en risco a súa pervivencia, por exemplo, coa plantación de eucaliptos, como acontece nas inmediacións do lugar actualmente”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG