Parlamento Galego

O BNG pedirá no Parlamento o apoio de todos os grupos para frear a venda das centrais do Xallas

  • Noa Presas: “Pregúntome se o señor Feijóo está preparando unha porta xiratoria con Villar Mir” para cando deixe de ser presidente da Xunta

O BNG reacciona ante o anuncio de Ferroatlántica de que a empresa ten ultimado un acordo de venda dos saltos hidroeléctricos dos ríos Xallas e Grande ao seu paso por Cee e Dumbría e que, ademais, pretenden amortizar débeda con esta venda.

A formación nacionalista avanza que vai promover unha declaración institucional no vindeiro pleno do luns solicitando o apoio unánime da Cámara autonómica en contra desta venda que cualifica de “ilegal” e “un espolio descarado de recursos públicos”.

“Non é posible segregar a explotación hidroeléctrica da explotación industrial porque así está determinado nas condicións da concesión a Ferroatlántica e así foi referendado xudicialmente”, explicou a portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas.

Coa declaración institucional, o BNG tamén quere comprobar se o PP segue en contra desta pretensión de venda ilegal por parte da multinacional.

“Queremos comprobar se o señor Feijóo segue a ser presidente de Galiza ou é un delegado de Villar Mir que está buscando xa unha porta xiratoria en Ferroatlántica e está, polo tanto, en pleno tarifazo, en plena subida da luz especulando cun recurso natural que debería traer riqueza e emprego para a Costa da Morte”, explicou Presas.

O Bloque lembra que a concesión da explotación hidroélectrica dos ríos Xallas e Grande foi concedida a Ferroatlántica para garantir a súa viabilidade e a súa permanencia na  comarca da Costa da Morte, onde os empregos desta multinacional son unha parte central da economía local.

“Eses saltos hidroeléctricos son recursos naturais de todos e todas cuxa explotación se cedeu para un fin concreto, -preservar os postos de traballo nunha comarca moi castigada pola crise económica-, non son para que Villar Mir faga caixa e amortice débeda doutras operacións falidas do seu grupo fora de Galiza”, salientou Presas.

A deputada nacionalista lembra, ademais, a recente declaración aprobada na Comisión parlamentaria de Industria co seguinte enunciado: “O Parlamento de Galicia insta a Xunta a adoptar as medidas legalmente adecuadas para evitar a segregación das actividades de produción de enerxía eléctrica e ferroaliaxes por parte de Ferroatlántica, sen que estas afecten aos fluxos de enerxía eléctrica que deberán respectar as exixencias regulamentariamente establecidas para a adecuada operación do sistema eléctrico.

Igualmente, exixir a empresa o mantemento da actividade produtiva e dos postos de traballo na factoría de Cee e establecer co grupo empresarial Ferroglobe, -e moi  particularmente con Ferroatlántica S.A.-, os mecanismos necesarios de colaboración para conseguir incrementar os niveis actuais de emprego e de actividade industrial en Galiza e especialmente nos concellos de Cee e Dumbría.»

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG