O BNG parabeniza á CIG por traer ao Parlamento a ILP en defensa dunha Tarifa Eléctrica Galega

NOAPRESAS COMISION INDUSTRIA B
Noa Presas e Fernando Branco
  • Noa Presas: “É un exemplo do traballo do sindicato nacionalista a favor da sociedade e da clase traballadora galega”

Santiago de Compostela, 30 de Maio 2017.-  A portavoz de Industria, Noa Presas, parabenizou ao sindicato CIG e ao seu responsable de enerxía, Fernando Branco Parga, por ter traído ao Parlamento a iniciativa lexislativa popular (ILP) a favor da tarifa eléctrica galega e para combater a pobreza enerxética, que contou co aval de 18.000 sinaturas, a adhesión de 50 concellos e das deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra.

Na comisión de Industria e Enerxía, Presas lembro que esta ILP foi aprobada por unanimidade hai máis dun ano na Cámara, e criticou a “lentitude” dos trámites parlamentarios que, dixo, “debemos acelerar para dar resposta a unha demanda social antes do próximo inverno, máis aló do lavado de cara publicitario do bono eléctrico que non chega nin ao 5% da poboación á que vai dirixida polas condicións esixidas, que mesmo provocaron que en 2016 parte dos fondos se derivaran a outros fins”

A deputada salientou o contido da proposta pola CIG, “un exemplo do traballo do sindicalismo nacionalista a favor da sociedade e da clase traballadora deste país”. Presas avanzou que o BNG dará todo o seu apoio a ILP porque considera de “xustiza” que haxa unha tarifa eléctrica galega, -como xa existe en Euskadi-, “para compensar a Galiza por ser produtora neta de enerxía”.

“A nosa condición de produtores excedentarios abre a posibilidade para facer unha lei ambiciosa que rescate a moitas persoas que non poden quentar as súas casas e que permita ás empresas galegas frear a deslocalización e os problemas que teñen por outros elementos como o alto prezo dos combustíbeis”, indicou Presas.

Igualmente, a deputada do Bloque fixo referencia á “inexistente” política enerxética do PP, “que se limitou a tombar o concurso eólico do Goberno bipartito” e, por iso, urxe que Galiza “recupere o tempo perdido” apostando pola participación pública e o polo fomento das enerxías renovábeis.

Fronte ao empeño da Xunta de limitar este debate a cuestións técnicas, o BNG fai fincapé en que se trata de decisións políticas, máxime tras as novas vantaxes enerxéticas conseguidas polo PNV para o País Vasco na negociación dos orzamentos do Estado. “Se en Euskadi é posíbel unha rebaixa nas peaxes de acceso, en Galiza tamén”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG