O BNG leva ao Parlamento a desaparición de Santiago Maldonado en Arxentina

Santiago Maldonado
Santiago Maldonado

Insta ao goberno español a demandar do goberno arxentino realizar todas as accións necesarias para atopar con vida a Santiago Andrés Maldonado e depurar responsabilidades pola represión contra o pobo mapuche

O BNG leva ao Parlamento a desaparición de Santiago Maldonado en Arxentina

O BNG  defenderá no Parlamento galego unha iniciativa para instar ao goberno español a dirixirse ao goberno arxentino a realizar todas as accións precisas para atopar con vida a Santiago Maldonado, un mozo, artesán  de Bos Aires  de 28 anos e que segundo algunhas testemuñas foi arrestado polas forzas de seguridade cando participaba nunha mobilización solidaria coa loita do pobo mapuche.

A proposición non de lei  do BNG tamén reclama a posta en liberdade dos presos e presas políticas do pobo mapuche e o seu líder, Jones Huala así como o cese das violentas represións contra as protestas deste pobo.

A parlamentaria do BNG, Montse Prado explica no texto da iniciativa que na actualidade, o pobo mapuche conta con 1.700.000 persoas repartidas entre o Sur de Arxentina e Chile sendo un dos escasos pobos indíxenas que resistiron á colonización española. As comunidades mapuches reivindican a propiedade dos territorios despois de seren expulsados no século XIX trala ofensiva militar arxentina denominada “Conquista del desierto”. As terras dos mapuches foron ocupadas e entregadas a empresas da inmigración europea.

Entre os terreos que reivindican, figuran 900.000 hectáreas  da “Compañía de Tierras Sud Argentina S.A “que forma parte da multinacional Benetton. Nos terreos pastan 6.000 vacas, 40.000 ovellas e destinan 20.000 hectáreas á plantación de piñeiros e 4.000 hectáreas  a cereais e pasto. No ano 2015 os mapuches ocuparon unha mínima parte desas terras onde crearon a comunidade Pulof. O seu dirixente, Jones Huala foi detido o 28 de xuño deste ano, e a pesar das protestas para pedir a súa liberación as mobilizacións sempre remataron cunha grande represión por parte das forzas policiais como aconteceu o 1 de agosto na que desapareceu o mozo Santiago Maldonado.

Para a deputada do BNG, Montse Prado, estamos ante un “feito gravísimo” coa desaparición forzada dun cidadán nun país democrático que segundo testemuñas foi levada a cabo pola Xendarmería Nacional Arxentina nun contexto de brutal represión contra o pobo mapuche.