O BNG lanza un vídeo lembrando a expulsión en 1982 dos tres deputados nacionalistas do Parlamento Galego

Denuncia a excepcionalidade dese feito histórico que o Bloque rememora como recoñecemento político e nun momento de involución democrática

O BNG lanza un vídeo lembrando a expulsión en 1982 dos tres deputados nacionalistas do Parlamento Galego

O BNG lanza un avance dun vídeo documental no que fai memoria dun feito político sen precedentes no Estado español: A expulsión de tres deputados nacionalistas o 24 de novembro de 1982 do Parlamento galego, -Bautista Álvarez, Lois Dieguez e Claudio López Garrido-, aplicando retroactivamente unha normativa que obrigaba a xurar a Constitución.

O vídeo, 35 anos despois daquel feito excepcional, está concibido como un acto de denuncia e de recoñecemento político aos seus protagonistas, precisamente nun momento de involución democrática no conxunto do Estado, marcado polo recorte de dereitos e liberdades, -tanto individuais como dos pobos-, e de criminalización das ideas políticas que non encaixan no status quo do actual marco institucional.

O BNG, que xa era crítico e cuestionaba a Constitución herdada do réxime do 78 fai máis de tres décadas, considera que hoxe é urxente superar ese corsé que lastra o desenvolvemento deste país e definir un novo marco institucional partindo do recoñecemento de Galiza como nación.