O BNG insta á Xunta a que deixe de actuar “polas bravas” e negocie c@s traballador@s do 112

ANAPONTON REUNION PERSOAL 112 BIS
Reunión c@s traballador@s do 112
  • Ana Pontón mantivo un encontro co comité de empresa e criticou que a Administración fomente a precariedade laboral “con decisións soberbias”

O BNG traslada o seu apoio aos traballadores e traballadoras do 112 que, salienta a portavoz nacional, Ana Pontón,  “prestan un servizo social fundamental pois velan pola seguridade do conxunto da cidadanía pero están sendo maltratados pola Xunta cun traslado forzoso e precipitado, sen garantías de que o servizo vai funcionar na súa totalidade”.

Tras o encontro co comité de empresa, no que tamén estivo o deputado pola Coruña Xosé Luís Rivas, a dirixente nacionalista criticou que  Goberno galego e PP sexan “incapaces” de establecer un diálogo cos traballadores e traballadoras, @s máis interesad@s en que o servizo funcione. “Pese a iso vense atrapados por decisións unilaterais que responden a criterios partidistas e non a criterios de mellorar o servizo que presta o 112”.

Neste sentido, e despois de que o persoal iniciase unha folga coincidindo co traslado do centro desde Santiago ao concello da Estrada, Pontón fixo un chamamento á Xunta “para que non continúe actuando polas bravas e busque unha vía de diálogo e de entendemento cos e coas traballadoras”, tendo en conta que na práctica o traslado do servizo supón unha redución media salarial do 14% para persoas que xa están en precario.

“O BNG pensa que a Administración pública non pode fomentar a precariedade”, salientou Pontón.

Neste sentido, o Bloque presenta unha serie de propostas no Parlamento reclamando “diálogo e solucións, que non se precipiten os feitos e que o Goberno rectifique a súa posición autoritaria, soberbia que pon en risco un servizo esencial. Polo tanto todo o noso apoio para o persoal dun servizo pensando que este servizo que sofre esta situación ten que funcionar da mellor maneira posible”, indicou a portavoz do BNG.

Ademais, a formación nacionalista critica que a Administración abuse dos dereitos laborais como o dereito á folga impoñendo uns servizos mínimos abusivos, así demostrado por sentenza xudicial. “O que non pode pensar o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, é que está por riba da lei”, concluíu Pontón.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG