Parlamento Galego

O BNG insta á Xunta a axilizar o proxecto de construción do novo Montecelo

Hospital_de_Montecelo
Hospital de Montecelo (Pontevedra)
  • A iniciativa que defenderá o deputado do BNG, Luís Bará, reclama dotar de partidas orzamentarias necesarias que fagan realidade o proxecto nun prazo  o máis breve posíbel  e garantir o “uso sanitario público  do futuro Hospital Provincial”

O deputado  do BNG por Pontevedra, Luís Bará reclama no Parlamento galego axilizar o proxecto de construción do Novo Montecelo para  garantir unha asistencia sanitaria hospitalaria de calidade na súa área de referencia. Ademais a proposición non de lei que defenderá o nacionalista demanda partidas orzamentarias que posibiliten realizado “no prazo máis breve posíbel”.Para o nacionalista tamén debe  garantirse o uso sanitario do futuro Hospital Provincial e acometer con   “urxencia”  investimentos que corrixan as  deficiencias  relacionadas coa climatización.

No texto da iniciativa, Bará salienta que  grazas a unha grande mobilización social e o rexeitamento maioritario do concello de Pontevedra, encabezado polo seu alcalde Miguel Fernández Lores, conseguiuse parar o intento da Xunta de Galiza de facer un novo hospital con “xestión privada” en Monte Carrasco (Marcón). Despois de 8 anos, o goberno galego deu marcha atrás e retomou a idea de ampliar Montecelo. Esta teimosía do PP polo proxecto de Monte Carrasco, en contra do que defendera anteriormente, provocou un “considerábel retraso” e o conseguinte deterioro da atención sanitaria da zona norte da provincia de Pontevedra.

Por outra parte, engade o deputado,  a  Plataforma SOS Sanidade Pública, que agrupa a asociacións veciñais,  sector sanitario, sindicatos e concellos da comarca de Pontevedra  leva recollidas máis de 10.000 sinaturas para promover unha Iniciativa Lexislativa Popular  que impulse a ampliación do Hospital Montecelo. Un dos obxectivos da ILP  é dotar de orzamentos, xa no presente ano 2017, para garantir  axilidade da construción do Novo Montecelo. Entenden que a partida de 1,1 millón de euros recollida no  orzamento para 2017 é  “insuficiente para poder  facer e o novo hospital no prazo máis breve posíbel”. A iniciativa da Plataforma en defensa da sanidade pública conta co  apoio  das alcaldías de Pontevedra, Poio, Bueu, Ponte Caldelas, Vilaboa e Barro pero, a maiores, o  concello de Pontevedra comprométese a achegar 4 millóns de euros para financiar a adquisición e urbanización dos terreos, ademais de asumir a dotación dos servizos e infraestruturas necesarios.

Finalmente, o parlamentario do BNG considera que o retraso acumulado na dotación desta importante infraestrutura sanitaria e o   calendario previsto para facela realidade, fai necesario  que a Xunta  “axilice  a tramitación do proxecto (plan funcional, proxecto construtivo, proxecto sectorial) e a construción do Novo Montecelo para garantir unha asistencia sanitaria hospitalaria de calidade na súa área de referencia”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG