O BNG expresa a súa solidariedade e pesar pola traxedia do incendio de Pedrógão en Portugal

Incendio
Incendio

O BNG apela a “tomar nota” do acontecido no país veciño e lembra que co verán ás portas a Xunta non ten aprobado o plan de prevención e extinción de incendios (Pladiga)

Trasladou directamente as súas condolencias ao Goberno de Portugal e ás organizacións políticas amigas do país luso

 

O BNG fixo público hoxe o seu pesar e a súa solidariedade pola traxedia do incendio de Pedrógão, que causou a morte de cando menos 61 persoas, segundo os datos dos que se dispoñen nesta altura.

A portavoz nacional Ana Pontón, en nome do conxunto do BNG, expresou nas redes sociais a fonda tristura pola destrución causada polo lume. Pola súa banda, a través de comunicación directa, a Executiva do BNG dirixiuse ás direccións das organizacións políticas amigas de Portugal (o PCP e o Bloco de Esquerdas), así como ao propio Goberno e ao Presidente da República, para lles dar traslado das condolencias e da solidariedade do nacionalismo galego e facer chegar o abrazo fraternal da militancia e do corpo social do Bloque Nacionalista Galego ao pobo portugués, e moi especialmente ás familias das persoas falecidas.

Esta traxedia chega poucos días despois de que en Galiza o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) condenase ao Goberno galego pola morte de dous brigadistas en 2010 na localidade de Fornelos de Montes. Naquela ocasión, a descoordinación do operativo de extinción de lumes tivo un peso determinante no fatal desenlace.

Tomar nota do acontecido

A formación nacionalista transmite a necesidade de “tomar nota diante do acontecido” para adoptar canto antes todas as medidas preventivas necesarias para que non volvan producirse perdas de vidas humanas polos lumes, e salientou novamente que, a menos dunha semana de que empece o verán e no medio dunha onda de calor, o Goberno da Xunta non ten aprobado o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza (PLADIGA).

Para o BNG a Xunta non está a desenvolver unha política de prevención real e digna de tal nome, porque “nin se está a cumprir a normativa en canto ás franxas de seguridade previstas para protexer as vivendas e as infraestruturas, nin a día de hoxe o operativo antiincendios está aprobado”.

A formación nacionalista explica que “o mellor antídoto para loitar eficazmente contra os incendios é ter un monte ordenado, produtivo e con usos multifuncionais. Lamentablemente as políticas da Xunta camiñan en dirección contraria, potenciando o monocultivo de especies que son altamente incendiarias –parece que a masa forestal incendiada en Portugal era fundamentalmente de eucalipto e piñeiro- e desaproveitando a inmensa riqueza do noso monte, clave para ter un medio rural vivo e libre de lumes”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG