O BNG esixe máis recursos para os xulgados de violencia machista

Olalla Rodil en comisión parlamentaria
Olalla Rodil en comisión parlamentaria

A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, a deputada Olalla Rodil denunciou a situación no Xulgado de violencia machista da Coruña sen xuíz por non cubrir a praza durante o período de vacacións

A deputada do BNG por Lugo, Olalla Rodil volveu a pedir hoxe na comisión de Xustiza e Interior dotar de máis recursos e medios humanos  os xulgados de violencia de xénero.

A parlamentaria cualificou de “inadmisible”  a situación no xulgado de violencia machista da Coruña onde quedou sen cubrir a praza de xuíz/a durante todo o período vacacional da persoa titular. Desde o BNG cremos, dixo,  que o acontecido este verán no xulgado da  Coruña supón  “unha desprotección enorme para as mulleres e as súas crianzas” que  non contaron con profesionais formados especificamente na materia.

A situación xerada no xulgado da Coruña foi denunciada  polo  BNG e outras organizacións políticas polos  prexuízos causados ás mulleres en situación de violencia machista que deciden tomar unha das decisións máis complexas e de maior risco como é denunciar. O Colexio de Avogados da Coruña a través do seu decano advertiu tamén  da indefensión que pode supor esta circunstancia  para as mulleres.

“Nos períodos vacacionais, principalmente o verán,  aumentan os casos de violencia machista polo que vemos aínda máis grave que non se substitúa a xuíza ou o xuíz en agosto”, porque  o machismo non colle vacacións, moi ao contrario actívase aínda máis coincidindo con períodos de maior convivencia, recalcou a nacionalista.

Neste sentido preguntou  polas actuación do goberno   para evitar que o Xulgado de violencia machista da Coruña quedase sen xuíz durante un mes e que xestións realizou  diante dun Goberno español que argumentaba non ter fondos   para contratar a persoas substituta.

A situación xerada no Xulgado de violencia da Coruña supuxo adiar 8 xuízos, 5 vistas e 16 reclamacións polo que a  deputada do BNG preguntou que medidas se porán en marcha para que o acontecido non se volva a repetir.

Pola súa parte, o director Xeral de Xustiza, Martín Álvarez asegurou que a Xunta non ten competencias no referido a “xuíces, fiscais e letrados” polo é competencia do Estado cubrir as vacacións destes profesionais ao que a parlamentaria do BNG replicou que precisamente nesa “dependencia política do centralismo” radica o principal problema e aínda que a Xunta detectase “unha carencia” como a suscitada no xulgado de violencia da Coruña “carece de competencias para resolvelo”

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG