O BNG esixe a Educación convocar xa as oposicións e plantarlle cara a Madrid

Olalla Rodil responde ao conselleiro de Educación
Olalla Rodil responde ao conselleiro de Educación
  • Para a deputada do BNG, Olalla Rodil, o “goberno galego actúa de maneira conivente co Executivo español diante dunha chantaxe e usando as persoas que concorren ás oposicións como moeda de cambio para a negociación dos orzamentos do Estado”   

Trala comparecencia do conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez  para informar das liñas xerais do seu departamento, a deputada do BNG, Olalla Rodil emprazou ao titular de educación “a convocar as oposicións e non utilizar ás persoas que concorrerán como moeda de cambio para a negociación dos orzamentos dos Estado”. A nacionalista cualificou de “chantaxe” conxelar as oposicións no ensino supeditando a convocatoria, “á aprobación das contas do Estado”.

Para a deputada,  o Partido popular,  cunha minoría parlamentaria dentro das Cortes, está a xogar co persoal interino, con persoas en desemprego e mesmo outras que abandonaron o seu posto de traballo para preparar as oposicións. O Partido popular, está utilizando a todas estas persoas como “escudos humanos” e non existe “ningunha razón legal para non convocar as oposicións” e menos  apelar á “inseguridade xurídica” porque os orzamentos do 2016 foron prorrogados no 2017 e polo tanto con eles tamén a “taxa de reposición do exercicio anterior”.

En Madrid, deixaron “en cirolas” e “co cu ao aire” ao goberno galego, afirmou a nacionalista  e mentres isto acontecía, vostedes optaron por bailarlle a auga ao Ministerio de Facenda polo que  volveu a emprazar ao titular de Educación e ao goberno galego a “seren valentes” e lanzar unha mensaxe de confianza e claridade para “convocar as oposicións XA”.

 Rodil trasladou ao grupo maioritario do Partido popular o apoio unánime dos grupos da oposición para convocar, sen dilación, as oposicións e deixar de actuar a expensas do ministro Montoro. Asemade, remachou, dende o BNG consideramos que as chantaxes da facenda española deixan en evidencia o “apertado corsé” da autonomía galega que supedita   “a política galega aos intereses particulares do Estado español e aquí, non se respecta nada. Galiza precisa soberanía política para non ter que estar pendente da ocorrencia do Partido popular e o Executivo español en cada momento”. A convocatoria das oposicións en educación e outros sectores é “unha necesidade para restituír o profesorado eliminado”.

A parlamentaria botou en falta na intervención do conselleiro un pronunciamento ante a LOMCE da que dixo, “Galiza debe facer valer as súas competencias en materia de ensino e iniciar o camiño cara unha Lei de Educación galega”.

Finalmente  tamén recriminou a Román Rodriguez por  traer de novo ao Parlamento o Plan da Cultura galega, plan  que data  do ano 2013. Por outra lado, afirmou que a xestión do goberno galego  provocou  o descenso editorial, nun 24%, unha  baixa porcentaxe de publicacións científicas en galego e graves  consecuencias no ensino coa aplicación do decreto do plurilingüismo. “Hai que facer un plan especifico que atenda á realidade demográfica e social que viven as comarcas da montaña   porque hai crianzas que deben desprazarse  unha hora para acudir á escola”. Se é certo que van elaborar un plan para resolver estas eivas, “teñen a man tendida do BNG”. Galiza debe contar cunha lexislación asentada na “coeducación, igualdade, tolerancia, xustiza social, equidade e o respecto e inclusión da diversidade”, remachou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG