PARLAMENTO GALEGO

O BNG esixe do SERGAS un protocolo de actuación para evitar o colapso das urxencias ante brotes epidémicos como a gripe

O BNG esixe do SERGAS un protocolo de actuación para evitar o colapso das urxencias ante brotes epidémicos como a gripe
  • Presenta unha batería de medidas no Parlamento reclamando máis medios e persoal sanitario e un Plan de mellora na atención primaria

O BNG reclama no Parlamento ao SERGAR un protocolo de actuación para evitar o colapso nos servizos de urxencia do sistema sanitario público cando se producen brotes epidemiolóxicos ou picos asistenciais perfectamente previsibles, como é o caso do causado pola gripe nos últimos días.

“Estes repuntes de actividade nos servizos de urxencia son perfectamente previsibles, e existen mecanismos para saber con certeza cando, como e quen afectan a incidencia dos brotes epidemiolóxicos habituais por calendario”, explica a portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, na proposición non de lei presentada na Cámara. “Os picos de gripe e de enfermidades respiratorias coincidindo coas épocas de frío son previsibles, pasan todos os anos, sen que a Consellería de Sanidade faga nada por evitar os colapsos que provocan no servizo de urxencia”, recalcou.

Prado denuncia que a saturación vivida ao longo dos últimos días na práctica totalidade dos centros hospitalarios provocou unha “situación de caos”: Doentes sufrindo esperas interminables, salas de espera amoreadas, corredores cheos de pacientes en padiolas, cadeiras ou de pé, demoras de horas para poder dispoñer dunha cama, ingresos en plantas inadecuadas mesturando patoloxías, persoal sanitario sobrecargado,  foron algunhas das estampas vividas.

Ademais da falta de previsión, o Bloque ve no colapso unha consecuencia máis dos recortes impostos polo PP ao longo dos últimos anos.

Ante esta situación, a formación nacionalista propón que a Cámara reclame ao Goberno galego a presentación dun informe coas medidas de planificación e reforzos postos en marcha para atender o aumento dos e das doentes nos servizos de urxencias. Ademais, un protocolo de actuación para os brotes ou picos asistenciais, contando cos e cas profesionais da sanidade e representantes sindicais, onde se recolla, como mínimo, a previsión de reforzos e recursos.

Igualmente, a proposición non de lei do BNG demanda a apertura inmediata das plantas e das camas pechadas ou bloqueadas en toda a rede pública, contratar o persoal necesario obviando a taxa de reposición para poder recuperar os 2.000 profesionais eliminados da sanidade pública. E, ademais, a posta en marcha dun Plan de atención primaria con recursos materiais e humanos.