O BNG esixe ao Goberno que cumpra o acordo parlamentario para a prevención da endometriose

​A deputada do BNG, Montse Prado denunciou a "inacción" do Goberno sobre unha doenza  que afecta a máis de 60.000 mulleres e recriminou ao PP que incumpra o acordo parlamentario, aprobado o 22 de abril de 2015,  incumprimento que o propio portavoz do PP na comisión de Sanidade, Núñez Centeno recoñeceu.

A deputada do BNG, Montse Prado lembrou que no mes de novembro do ano 2015 foi aprobado un acordo parlamentario para difundir a Guía de coidados a mulleres con endometriose, crear un grupo de traballo, no prazo de seis meses, para avaliar a posta en marcha dun Plan de detección precoz da endometriose así como fomentar o coñecemento da doenza entre as mulleres en idade fértil e de maneira singular entre as menores de 25 anos.

Montse Prado denunciou que a guía non foi difundida, non existen os grupos de traballo nin os centros de referencia

Pasado o tempo, dixo a deputada, o acordo "non se cumpriu" e mesmo o director xeral de Asistencia Sanitaria, Ares Rico na súa comparecencia no Parlamento “non se comprometeu" a efectivizar os puntos aprobados afirmando categoricamente “que non cumprirían o acordo". Asemade, o BNG presentou unha pregunta escrita o 7 de xaneiro do 2016 na que se nos traslada como resposta que a publicitación da guía foi remitida aos servizos de xinecoloxía cando en realidade, recalcou a nacionalista, a guía só está publicada na páxina do Ministerio para que sexa consultada polos profesionais de saúde.

A parlamentaria cualificou de "indecente" que o Goberno do Partido popular da Xunta de Galiza incumpra os acordos parlamentarios o cal, na súa opinión, "anula a calidade democrática da Xunta".

Montse Prado recalcou que a endometriose afecta a máis de 60.000 mulleres en Galiza , unha problemática que o BNG abordou no mes de abril do ano 2015 á instancias da Asociación de mulleres "Querendo" que máis unha vez teñen que ser as afectadas as que presionen para que "o Goberno faga o que debería facer de oficio".Pasados nove meses do acordo aprobado no Parlamento galego seguen sen existir unidades específicas, reiterou.

Pola súa parte, o portavoz do PP, Núñez Centeno manifestou que a guía está publicada na páxina do SERGAS e do Ministerio e se está a elaborar documentación sobre a enfermidade. Por todo isto cremos, afirmou, que "o acordo non se está a cumprir na literalidade, pero si no espírito".

Na réplica a deputada respondeu que as mulleres no se curan "co espíritu" e negou que a guía estivera publicada na páxina do SERGAS. Montse Prado lamentou que unha vez máis para o PP, a dor das mulleres non sexa unha prioridade, a pesar de votar  a favor do cumprimento do acordo parlamentario do pasado 22 de abirl de 2015 como reclamaba a iniciativa nacionalista.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG