O BNG emendará os Orzamentos 2018 para destinar 2,5M de euros para un centro de reparación naval en Vigo

Encontro traballo na CEG
Encontro traballo na CEG

Tamén propón un Plan de reindustrialización Vigo-Sur de Pontevedra dotado con 3,35 millóns de euros.

Ana Pontón mantivo un encontro de traballo co sector empresarial vigués nun almorzo no CEG

O BNG emendará os Orzamentos 2018 para destinar 2,5M de euros para un centro de reparación naval en Vigo

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou nun almorzo de traballo no Círculo de Empresarios de Galicia (CEG) onde trasladou as propostas do BNG para Galiza nun momento político excepcional e aproveitou para coñecer de primeira man as preocupacións do sector empresarial vigués.

“Analizamos a situación económica en Galiza e puxemos en común diferentes propostas, constatando a preocupación polo deterioro do mercado laboral, en particular polos baixos salarios e a precarización, así como e a necesidade de poñer en marcha un modelo económico que teña na formación, no I+D+i e no peche dos ciclos produtivos os seus piares”, salientou a portavoz nacional.

Pontón salientou que tanto Vigo como o conxunto do país “saen moi tocados” da crise que, no caso da cidade olívica, fixo que perdera 10.000 empregos desde 2009. É necesaria unha nova estratexia económica que debe empezar a deseñarse nos orzamentos de 2018. Unhas constas públicas que a dirixente do Bloque tildou de “insuficientes” e que é necesario modificar no debate e tramitación parlamentaria a través da presentación de emendas.

ANAPONTON E JUAN GÜELL PTE CEGNo caso de Vigo, avanzou que as propostas do BNG estarán encamiñadas a facilitar a creación de emprego e a mellorar a dotación de servizos públicos na cidade. Neste sentido, Pontón avanzou unha emenda aos orzamentos para destinar 2,5M€ á creación dun centro de reparación naval na primeira cidade galega, -“unha oportunidade para crear emprego nun sector que padeceu a crise económica pero tamén os cambios a nivel mundial”, explicou-.

Igualmente, o Bloque presentará vía enmeda un plan de reindustrialización para Vigo e Sur de Pontevedra dotado de 3,35M€. En materia de dotación de infraestruturas sociais, a portavoz nacional adiantou que solicitará vía emendas a creación dunha escola infantil no barrio de Navia, dos de maior puxanza demográfica de toda a cidade.

A dirixente nacionalista recolleu as preocupacións do empresariado en relación ao momento actual que está a vivir o Estado e Galiza e, sobre todo, o seu interese en facer unha aposta seria pola educación, pola innovación, por apoiar aos sectores estratéxicos e pola diversificación económica. En definitiva, “por poñer en marcha todos os elementos que permitan crear emprego e romper coas fraxilidades que ten a base económica galega e asentar un modelo de crecemento que reverta na sociedade”, explicou Pontón, nun encontro no que tamén participaron os responsables locais do BNG, Serafín Otero e Manuel Caride.

A portavoz nacional tamén transmitiu ao sector empresarial representado no CEG a proposta do BNG, formulada ao presidente da Xunta e ao resto das forzas políticas, de crear unha ponencia parlamentaria para deseñar un novo status institucional do país, desde a convicción de que Galiza non pode asistir como mera espectador a o que será o debate máis importante en décadas. A formación nacionalista plasmou no documento Bases Democráticas a súa posición de como deixar atrás o lastre do réxime do 78, e propón esa ponencia como fórmula para o debate político e social.