O BNG denuncia que a Xunta deixou sen executar 16,5 M € en formación continua durante o bienio 2015-2016

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado: “O goberno ten que explicar a onde foron parar eses fondos transferidos polo Estado”

O BNG denuncia que a Xunta deixou sen executar 16,5 millóns de euros no bienio 2015-2016 transferidos polo Estado para financiar programas de formación continua dos e das traballadoras, e presenta unha batería de iniciativas parlamentarias para que o Goberno galego explique na Cámara onde están eses fondos.

 “A Xunta leva saltadas dúas convocatorias de formación continua, 2015-2016 e 2016-2017, tendo en conta que os fondos son finalistas e que constan as transferencias, é preciso aclarar que se fixo con eses fondos, a onde foron a parar”, interpela a portavoz parlamentaria de emprego Montse Prado.

O Bloque detalla que, analizando a partida da formación ocupacional nos orzamentos autonómicos e Nos xerais, Galiza recibiu un total de 25.993.665 euros para o período 2015-2017. En 2015 o Estado transferiu 8.673.670 euros, e 8.819.995 en 2016, “pero a Xunta non executou nin un só euro para o fin previsto en ningunha das dúas anualidades”, denunciou Prado.

 “Da transferencia estimada para 2017 cifrada en 8,5 M€ a esta altura tampouco se sabe nada pois aínda non se publicou ningunha convocatoria”, indica a deputada.

“Mentres o Goberno do PP de Feijóo adica enerxía a facer propaganda sobre a importancia da formación para mellorar a competencia das empresas, van tres anualidades sen que realice as convocatorias de axudas para o financiamento de plans de formación das persoas traballadoras ocupadas”, criticou Prado.

O RDL 4/2015 establece que o Ministerio de Emprego, coa colaboración das autonomías axentes sociais, “desenvolve unha función de detección de necesidades formativas para anticipar e proporcionar respostas efectivas ás necesidades de formación e recualificación nun mercado laboral cambiante, contribuíndo ao desenvolvemento profesional dos e das traballadoras e á competitividade das empresas.

En Galiza correspóndelle á Xunta a distribución deses fondos, que teñen carácter finalista, para as diferentes políticas activas de emprego.

“A falta de execución e o retraso nas convocatorias á formación supón un grave prexuízo para as persoas ocupadas, pois dificulta as súas posibilidades de seguir cualificándose para manter o seu emprego ou para mellora a súa situación laboral”, critica Prado.

Desde o BNG tamén se alerta sobre o prexuízo para as entidades encargadas de executar os plans de formación continua que, ademais, se ven obrigadas a anticipar o custe dos programas pois os anticipos por impartir os cursos pasaron do 80 ao 25%, “o que está provocando a desaparición de moitas entidades”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG