O BNG denuncia que a Xunta deixa sen executar millóns de euros en políticas de emprego

O BNG denuncia que a Xunta deixa sen executar millóns de euros en políticas de emprego

A portavoz en materia de emprego Montse Prado denunciou no Parlamento que a Xunta deixou sen executar millóns de euros en materia de políticas activas de emprego entre os exercicios 2014-2016, baixa execución que no último exercicio alcanzou niveis mínimos, nun contexto no que o desemprego e a emigración son dos principais problemas do país.

A deputada do Bloque citou como exemplos as partidas adicadas á “intermediación e inserción laboral”, cuxo nivel de execución foi do 64% en 2014 e non chegou ao 6% no pasado ano, en “formación profesional e desemprego”, quedou sen executar o 28% en 2014, e o 44% no 2016, mentres que na partida destinada á “mellora da cualificación do emprego” o Goberno deixou sen gastar máis do 60% do orzamentado.

Prado advertiu no debate en Comisión que esta baixa execución en políticas directamente vinculadas ao emprego “é unha constante nos últimos anos pero o problema acentúase en 2016 onde chega a niveis exiguos en programas clave para fomentar  a inserción laboral e a busca de emprego”.

Con cifras de execución tan baixas, a deputada nacionalista considera evidente que “non se poden acadar os obxectivos de fomento do emprego, inserción laboral ou formación contemplados neses programas”, como por outro lado confirman os datos do mercado laboral recollidos na EPA que computan un incremento de 12.900 novos desempregados e desempregadas en Galiza no primeiro trimestre do ano.