O BNG denuncia o veto sistemático da Xunta a enviar información de proxectos mineiros ao Parlamento

Mini
Mini

Hai solicitudes de documentación pendentes desde novembro de 2016 reclamando informes en relación á mina de Touro, Erimsa, ou Sanfiz

 “A resposta é que pasemos por alí, co DNI na boca, de despacho en despacho a consultar”, critica Rivas, quen cualifica de “primeiro de democracia” ter información para facer o control ao Goberno

O BNG denuncia o veto sistemático da Xunta a enviar información de proxectos mineiros ao Parlamento

O BNG denuncia a negativa sistemática do Goberno galego a enviar ao Parlamento documentación e información sobre proxectos mineiros, pese ás reiteradas solicitudes do grupo nacionalista, ignorando tanto a súa obriga de transparencia para facilitar o labor de control do Executivo como o regulamento da Cámara.

Este marca o prazo dun mes para que o Goberno remita ao Parlamento  a información solicitada polos deputados e deputadas, pero o BNG acumula solicitudes sen resposta desde novembro de 2016 sobre proxectos mineiros, -Touro, Erimsa, Sanfiz-, que responden ao modelo de espoliación de recursos por parte de multinacionais e comparten unha gran contestación social polo seu impacto ambiental, social e económico.

O deputado pola Coruña Xosé Luís Rivas denuncia esta situación de opacidade e pregúntase que agocha a Xunta, e en particular o conselleiro de Industria, Francisco Conde, tras esta sistemática negativa a facilitar información.

“Estamos falando de peticións que se remontan ao 22 de novembro de 2016 e notifícannos o 11 en xaneiro de 2018 que pasemos por alí, con carné de identidade na boca, de despacho en despacho para consultar a documentación”, denunciou Rivas, “o exercicio de control debe facerse doutra maneira”.

“Non é un só expediente nin un só informe, senón que son múltiples e todos versan curiosamente sobre a minería, ese tipo de minería espoliadora que vimos denunciando, como as de Touro, Erimsa, Sanfiz que ameazan terras agrícolas a pleno rendemento ou mesmo a actividade marisqueira de rías tan ricas como a de Noia”, argumenta Rivas.

O deputado nacionalista lembra que non se trata só dun dereito como representantes da cidadanía, “senón que é unha obriga o control do Executivo” que se boicotea cando “se furta o dereito a recibir a documentación”. “Pensamos que é de primeiro curso de democracia que no Parlamento os grupos dispoñamos da información suficiente e podamos recibir a documentación necesaria”, recalca.

Para o BNG a reiterada negativa a mandar documentación dos expedientes só pode ter como explicación que “algo se oculta”. Neste sentido, Rivas lembra que proxectos como os da mina de Touro inclúen a construción dunha balsa de 126 hectáreas de superficies e 86 metros de alto para albergar miles de toneladas de residuos inertes contaminantes que poden en calquera momento baixar polo río Ulla e causar unha catástrofe ambiental ameazando a ría e os acuíferos.

No caso de Erimsa, o Bloque denuncia que suporá “un espolio de terras agrarias produtivas” para extraer croio de mineral de silicio que, como no resto dos casos, será procesado fora do país multiplicando por miles o seu valor, “e o que deixan en Galiza son terras mortas e desolación. No caso da mina de Sanfiz “o que se ameaza é o berberecho da ría de Noia”. Rivas avanzou que o BNG denunciará ante a Eurocámara todos estes proxectos mineiros.