O BNG denuncia a privatización do centro de protección de menores “Montealegre”

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas pide á Xunta que rectifique e manteña a xestión pública e directa do centro con capacidade para aumentar as prazas e postos de traballo e garanta a titulación das novas educadoras e educadores

O BNG denuncia a privatización do centro de protección de menores “Montealegre”

A deputada do BNG por Ourense, Noa Presas recriminou hoxe á directora Xeral de Familia non expoñer ningunha razón que “xustifique a privatización” do centro de protección de menores Montealegre despois de telo pechado 6 anos e investir máis de 1,6 M de euros.

Trala comparecencia da directora Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González Méndez,  a deputada do BNG reclamou garantir “a xestión directa e exclusivamente pública do centro” e exixiu que o criterio para as novas contratación de educadores e educadoras pase pola titulación en Educación Social para as tarefas de Educador e Educadora, “seguindo a demanda do colexio profesional de educadores e educadoras”.

Por outra banda, a nacionalista insistiu na necesidade de “blindar as condicións laborais das e dos traballadores” porque ao seu entender, non se explica que a atención médica corra a cargo dun médico ou médica autónomo e sen determinar o horario que deben dedicar á atención sanitaria. Neste sentido considerou que “o propio SERGAS é responsable de regularizar esta situación”.

Outro dos argumentos que esgrimiu Noa Presas para xustificar a xestión pública do centro de Montealegre,  é o referido a existencia dunha facultade de Ciencias da Educación “vangarda na investigación”. Aí teñen vostedes, dixo,  tamén “unha oportunidade perdida: seguir colocando a Galiza na vangarda da investigación social e que  reverta nunha mellor atención  ás e aos menores do noso país en situación de tutela e problemas graves de comportamento ou aumentar o risco de vulnerabilidade coa súa deixadez na función de tutela”.

Finalmente, a deputada do BNG anunciou que solicitará a “fiscalización do Consello de Contas dos contratos de obra”.