O BNG denuncia os prexuízos para os nenos e as nenas coa desaparición do transporte escolar

Luís Bará
Luís Bará

Saca a luz unha instrución da Xunta que recolle a posibilidade de que @ menor termine nas instalacións da empresa e mesmo no cuartel da garda civil para evitar retrasos na liña regula

O BNG denuncia os prexuízos para os nenos e as nenas coa desaparición do transporte escolar

O BNG volve poñer o foco nunha das cuestións que considera máis graves dentro do conflitivo plan de transporte da Xunta: a supresión do transporte escolar para recolocar aos nenos e ás nenas nas liñas de transporte regular no que, con idades que empezan nos tres anos, terán que soportar percorridos máis longos e compartir viaxe cos usuarios adultos.

Neste sentido, o Bloque difundiu o contido dunha instrución da Consellería de Educación remitida o 2 de xuño aos centros e ás empresas na que se dan indicacións para evitar retrasos nas viaxes de tal xeito que, “a fin de non entorpecer e alongar os itinerarios os autobuses esperarán nas paradas (...) un tempo que non excederá de  cinco minutos”.

Transcorrido ese tempo o autobús seguirá o seu percorrido levando aos escolares non recollidos se fose preciso ata o final do traxecto da liña regular onde quedarían na sede da empresa ata o peche destas instalacións e, se aínda non puideron ser recollidos pola persoa autorizada, eses menores deben ser trasladados por persoal da empresa ás dependencias da policía local ou ao cuartel da garda civil.

O portavoz parlamentario de Infraestruturas, Luís Bará, considera que esta instrución avanza as consecuencias que pode ter para o alumnado e as súas familias a desaparición do transporte escolar, tendo en conta que esta instrución afecta a todas as franxas de idade desde aos nenos e nenas de tres anos de Educación infantil, pasando por primaria e mesmo de Educación especial, ata os de secundaria, bacharelato e formación profesional.

“Poñen a venda antes da ferida porque saben que esta coexistencia dos escolares no transporte regular vai crear moitos conflitos”, salientou Bará, “porque ata agora había un transporte escolar específico, con rutas e horarios pensadas e deseñadas exclusivamente para desprazar aos escolares, pero co plan da Xunta isto desaparece e os menores teñen que soportar tempos e percorridos máis longos”.

Bará chamou a atención sobre o papel das persoas coidadoras do alumnado durante o transporte, “que vai pasar con esta persoa dentro do autobús de liña regular, fai todo o traxecto ou só o correspondente ao percorrido escolar, sobre todo que pasa se algún neno ou nena ten que seguir toda a viaxe porque non é recollido neses cinco minutos”, se preguntaba, advertindo das “incertezas” que abre a “desatino” que supón o plan da Xunta.

Neste sentido, o Bloque considera que a “desfeita” que provoca o plan do Executivo e tal tendo en conta que a súa aplicación so é de dous anos que leva a pensar que existe un “plan oculto” para beneficiar ás grandes empresas, mentres se penaliza ás PEMES galegas do sector.

Vendeta de Feijóo

“A Xunta escolle un camiño equivocado con risco para a actividade económica e para o emprego, e ese plan oculto ten que ver con favorecer a grandes grupos empresariais e castigar ao tecido empresarial galego do sector pola súa renuncia ás concesións, que o Goberno de Feijóo interpretou como un pulso e agora perpetra unha especie de vendeta”, denunciou o deputado.

O BNG tamén advirte do risco de “xudicialización”, máxime tras o recurso presentado por federacións do transporte que representan ao 90% do sector, reclamando a suspensión do plan e a paralización do concurso de contratos, así como polos anunciados recursos contra a rescisión unilateral dos contratos do transporte escolar ata 2020 sen renuncia algunha por parte das empresas. “É unha irregularidade”, subliñou.

Este plan, concluíu, “é un desatino”, con prexuízos no ámbito laboral, empresarial, e deterioro do servizos, “por iso facemos un chamamento á Xunta para que free este experimento e negocie con todas as partes implicadas para evita males maiores”.