PARLAMENTO GALEGO

O BNG denuncia a precariedade laboral no SERGAS

Montse Prado e Mini
Montse Prado e Mini
O BNG denuncia a precariedade laboral no SERGAS
  • Prado considera que a contratación para este servizo básico non debe estar limitado pola taxa de reposición do Estado

A portavoz parlamentaria de sanidade, Montse Prado, denunciou na Cámara a precariedade laboral no Servizo Galego de Saúde sobre a que xa advertiu o Tribunal Superior de Xustiza da UE tras sentenciar que o Sergas vulnera a normativa comunitaria ao “cubrir prazas estruturais do servizo cunha sucesión de contratos temporais”.

A sentenza do alto tribunal europeo condena ao Estado español “e recoñece a existencia sistemática de abusos e fraudes e cualifica de mal endémico a cobertura de postos de traballo no servizo de saúde con contratos temporais para necesidades permanentes e estables”, explicou Prado na presentación da proposición non de lei.

Como primeiro paso para acabar con esta práctica “que precariza” o emprego nun servizo básico, o BNG demanda do Sergas a creación dun catálogo “onde se identifiquen todas as prazas estruturais que, neste momento, son cubertas con nomeamentos temporais e proceder a súa cobertura mediante nomeamentos provisionais seguindo a orde da lista de contratación ata que se realice unha oferta pública de emprego para cubrir a totalidade das prazas vacantes”, explicou Prado.

Para o Bloque, a política laboral do Sergas “dificulta a prestación do servizo, supón sobrecarga asistencial e precariedade e afonda nas privatizacións”, denunciou a deputada nacionalista, quen pediu ao Executivo galego “esixir ao Goberno central a supresión da taxa de reposición no Servizo Galego de Saúde”, concluíu.