PARLAMENTO GALEGO

O BNG denuncia a “pasividade” de Feijóo no retraso da execución do AVE

O BNG denuncia a “pasividade” de Feijóo no retraso da execución do AVE
  • Luís Bará critica a “falta de iniciativa” do Presidente da Xunta e a súa “submisión”  ao Goberno central

O portavoz de ordenación Territorial  e deputado do BNG, Luís Bará denuncia a “pasividade” do Presidente da Xunta ante o retraso na execución do AVE. O parlamentario  lembra que a finalización das obras estaban previstas para o ano 2008 e que foron retrasadas ao 2012, 2018 e segundo as últimas informacións, pode que no  ano 2020.

Para o deputado, as conclusións trala reunión de Feijóo co titular de Fomento, Iñigo de la Serna confirman un “novo incumprimento” das promesas do Presidente da Xunta sobre a execución das obras do AVE e a transferencia da AP-9. “Feijóo mantén unha posición de submisión ao ditado do goberno de Madrid  e contra os intereses de todos os galegos e galegas” afirma Bará.

Por outra banda, o deputado salienta que a xuntanza do Presidente da Xunta co ministro de Fomento confirma a “irrelevancia política  de Feijóo ante o traspaso da  AP-9 e os  prazos de finalización do AVE”.

Na práctica, engade Luís Bará, o ministro de Fomento vén de pechar a porta á transferencia da AP-9 e confirmar o retraso da alta velocidade a Galiza para despois do 2018 ademais de considerar “papel mollado” o acordo unánime no Parlamento galego para conseguir unha AP-9 libre de abusivas peaxes.

O parlamentario do BNG lamenta que a xuntanza entre Feijóo e o Ministro de Fomento non servira para dar solución a reclamada modernización do ferrocarril, nin a  data exacta para a conclusión das obras do AVE nin o traspaso da infraestrutura AP-9. “Preocúpanos que o Presidente da Xunta non defenda os intereses e reclamacións galegas ante o ministro de Fomento”, reitera o deputado nacionalista.