BNG denuncia fraude no referendo constitucional de Turquía

ana-turquia
Ana Miranda coa equipa de observadoras internacionais
  • Ana Miranda participou como observadora internacional no Curdistán

Con máis de 2 millóns de papeletas contabilizadas sen reuniren os requisitos legais, o resultado axustado do referendo constitucional é máis que cuestionábel do punto de vista democrático. Aliás, o BNG considera que a realización do referendo constitucional é ilexítima por se facer sob o estado de emerxencia.

Desde o (auto)golpe de estado de xullo de 2016, Erdogan instaurou o Estado de excepción endureceu a represión contra o Pobo Curdo, contra a oposición política -moi nomeadamente contra o Partido Democrático dos Pobos, o HDP-, contra xornalistas e medios de comunicación, contra funcionarios e sindicalistas.

Nesta situación, non se daban as mínimas garantías democráticas para a realización do referendum. A presenza de militares armados nos colexios electorais, incumprindo a normativa internacional subscrita por Turquía, visibilizou ao mundo un "referendo militarizado". Neste contexto produciuse unha evidente fraude eleitoral, pois foron validadas dous millóns de papeletas sen selo, cando legalmente todas debían estar seladas.

Aliás, a Coordinadora de Relacións Internacionais do BNG, Ana Miranda, que participou na observación internacional na zona de Diyarbakir (Curdistan) denunciou o bloqueo que durante todo a xornada eleitoral as forzas armadas e a policía turca fixeron aos observadores, con intimidación, impedimento de acceso aos lugares de voto, control de pasaportes recorrente, expulsión dos centros, etc... Todo para tentar evitar que desen conta da falta de garantías na votación. "Erdogan non quere ningunha ollada internacional que poida denunciar a arbitrariedade que se aplica por este Estado", salientou Ana Miranda.

O BNG solidarizouse e apoiou a campaña do NON levada a cabo polo HDP e denunciou que non houbo condicions equitativas para garantir o pluralismo nunha campaña en que se impediu a realización de debates, se continuou coa forte represión política destes últimos meses, en que foron arrestados 9.000 membros do HDP, entre eles varios líderes e 13 deputad@s, e non se respectou a equidade, pois foron usados recursos e propaganda eleitoral do Estado en favor da posición de Erdogan.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG