PARLAMENTO GALEGO

O BNG denuncia o descontrol das axudas públicas a Viriato que non evitaron o peche e non pagaron ás traballadoras

O BNG denuncia o descontrol das axudas públicas a Viriato que non evitaron o peche e non pagaron ás traballadoras
  • Mini: “As mulleres choraban cando me contaban que tiveron que votar o despedimento das súas compañeiras para nada”

O BNG denunciou o descontrol na concesión de axudas públicas á empresa Viriato S.A. –un millón de euros a través do IGAPE-, sen garantía algunha nin de viabilidade, nin de mantemento dos postos de traballo. A subvención non evitou o peche e nin sequera os pago dos correspondentes salarios e indemnizacións ás traballadoras despedidas, en total 149 afectadas.

“Non podemos, desde o BNG, subtraérmonos a traer aquí unha crueldade incomprensible. Cando en 2015 son despedidas as primeira 40 traballadoras alégase que é a condición para que a empresa siga funcionando. Seica existía un plan de viabilidade. Pois ben, tal e como marca a marabillosa reforma laboral, as traballadoras teñen que votar o despido das súas propias compañeiras. E así o fan xerando nelas un innecesario remordemento”, explicou o deputado Xosé Luís Rivas na Cámara.

“Choraban cando mo contaban”, salientou lembrando o drama de ter que votar o despedimento de compañeiras de traballo en aras dunha viabilidade empresarial que se revelou falsa.

Para o BNG, a xestión empresarial “deixaba moito que desexar”, ao que se suma “o  comportamento irregular de organismos oficiais que inxectan diñeiro sen garantías e sen exerceren un control desexable que aseguren a recuperación dese millóns de euros”, explicou.

Un diñeiro que “non foi utilizado para pagar as indemnizacións do persoal despedido, xa que a día de hoxe hai 31 persoas despedidas no ERE do 2015 que aínda non percibiron a súa indemnización legal de 20 días por ano traballado ata un máximo de 12 mensualidades”, argumentou Rivas.

O IGAPE aportou un millón de euros a Viriato sen ningunha garantía de futuro por parte dunha empresa clave no tecido económico de Ordes, e pese a que acumulaba unha débeda de case 1,5 millóns de euros con distintas entidades públicas como Facenda, Deputación da Coruña ou a Tesourería da Seguridade Social.