Galegas 2016

O BNG denuncia en Bruxelas a situación de precariedade laboral e social que sofre Galiza

XORNADA UE CONTRA PRECARIEDADE SOCIAL E LABORAL
XORNADA UE CONTRA PRECARIEDADE SOCIAL E LABORAL
  • Ana Miranda: “Trasladamos a nosa vontade de ser insubmisos con calquera instrución que coloque o obxectivo de déficit por riba das persoas”

O BNG trasladou en Bruxelas ante a Comisión Europea a situación de precariedade laboral que soporta a maioría dos traballadores e traballadoras nun país onde ser mileurista é un luxo, e a situación de exclusión social cunha taxa de pobreza do 20% e con 700.000 persoas cuns ingresos inferiores aos 600 euros mensuais.

A portavoz nacionalista ante a UE, Ana Miranda, mantivo un encontro con responsables de emprego e asuntos sociais do executivo comunitario, nunha xuntanza na que tamén participaron representantes de colectivos sociais e sindicais que loitan contra a pobreza e a precariedade en Galiza.

Salarios máis reducidos, unha emigración masiva da xente moza e envellecemento da poboación retratan unha situación social para a que Miranda reclamou “unha aplicación dos fondos europeos para combater a pobreza e para favorecer a inclusión social” que deben estar por riba de calquera obriga de criterios de déficit público.

Neste sentido, a portavoz nacionalista explicou aos responsables comunitarios que o BNG “aposta pola insubmisión de calquera obxectivo de cumprimento do déficit que poñas as cifras por riba das persoas”.

“A economía ten que estar ao servizo das persoas, non ao revés”, subliñou. Na xornada de traballo en Bruxelas organizada polo BNG participaron representantes de máis dunha vintena de colectivos, que quedaron emprazados a presentar as súas propostas na consulta pública aberta pola Comisión Europea para elaborar as prioridades do que se denomina “piar de dereitos sociais”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG